AVALIACIÓN DE URXENCIA POR PARTE DO GRUPO MUNICIPAL

Co seu proxecto de orzamentos para 2024, o Goberno galego volve demostrar que non toma A Coruña en serio

Grupo municipal do BNG no Pleno de Organización, 29 de xuño de 2023.
Grupo municipal do BNG

O grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación de urxencia dos orzamentos da Xunta para 2024 en relación á nosa cidade, valoración que nos próximos días faremos máis polo miúdo.

Co seu proxecto de orzamentos para 2024, o Goberno galego volve demostrar que non toma A Coruña en serio

1.-Como acostuma facer, o Goberno galego pretende presentar como expansivos (cun incremento nominal de 13%) unhas contas que, de acordo coa técnica habitual dos gobernos do PP, son o resultado de sumar partidas non executadas en orzamentos anteriores con previsións de gasto que moi dificilmente se cumprirán no vindeiro exercicio.

Nese sentido, atopámonos -como en anos anteriores- ante unhas contas nada críbeis, continuístas, sen novidades significativas e que non atenden suficientemente asuntos centrais para a calidade de vida da veciñanza como a política sanitaria ou a de vivenda. En definitiva, o Goberno Galego volve demostrar que non se toma en serio A Coruña.

2.-A partida de maior volume destes orzamentos da Xunta é a que vai destinada ao CHUAC. Son 41 millóns de euros, mais aquí convén reparar que son 5,5 menos que o inicialmente programado. Un novo elemento que, unido á recente sentenza xudicial que anulaba o informe sobre a ubicación, aumenta a incerteza sobre o desenvolvemento deste proxecto.

Incerteza que nace do sistemático incumprimento de prazos por parte do Goberno galego.

Nese sentido, cómpre salientar que nos orzamentos aparecen partidas en programación plurianual -2025, 2026 e 2027- e anos seguintes ao 2027 sen especificar ningún prazo de conclusión das obras.

3.-Alén do CHUAC, no que atinxe á Sanidade, aparece unha partida de 10,7 millóns de euros para equipamentos dos centros de atención primaria da Área Sanitaria da Coruña-Cee.

Mais, sen minusvalorarmos a importancia dos medios materiais, é obvio que a principal carencia dos centros de atención primaria ten a ver co feito de non estar suficientemente dotados de profesionais, cuestión que estes orzamentos non resolven adecuadamente.

4.-As partidas para vivenda -pouco máis de 7 millóns de euros- non están á altura das necesidades da Coruña nesta materia, e máis se temos en conta que nos encontramos cunha competencia propia da Xunta.

A falta de impulso investidor en vivenda de carácter social por parte da Xunta é coherente coa súa oposición a que, tal e como en primeira instancia defendía o BNG, A Coruña fose declarada mercado residencial tensionado aos efectos previstos na Lei Estatal de Vivenda.

5.-Botamos tamén en falta recursos para o reforzo das escolas infantís de 0 a 3 anos e para a dotación de prazas públicas suficientes nas residencias de maiores.

 

 

 

 

Co seu proxecto de orzamentos para 2024, o Goberno galego volve demostrar que non toma A Coruña en serio