Dez xoves consecutivos cos traballadores de Alu Ibérica
Este xoves, como os nove anteriores, o BNG estivo canda os traballadores de Alu Ibérica na súa concentración semanal perante a factoría, na saída da Coruña cara Arteixo. "É unha loita que partillamos totalmente", dixo Francisco Jorquera. "Por iso estamos hoxe aquí e estaremos até o final", engadiu.
Desde o principio, o BNG puxo sobre a mesa como solución a mesma que defende o cadro de persoal da empresa: a súa intervención polo sector público. "E como os traballadores tampouco entendemos a actitude da Xunta de Galiza, absolutamente ausente neste asunto, a pesar de ter as competencias en materia industrial", remarca o portavoz.
Por medio dos seus cánticos os traballadores volveron reclamar unha entrevista con Feixoo. "É o mínimo", di Jorquera. "A Xunta ten que mover ficha e defender a continuidade dunha industria estratéxica. Non podemos perder máis fábricas neste país", conclúe.