O BNG ve prematuro xulgar o informe da UDC en relación ao porto até o coñecer na súa integridade
Os responsábeis deste estudo compareceron este xoves na Comisión do Bordo Litoral para dar conta dalgunhas das liñas mestras que o informan. Tamén o fixeron representantes de diversas asociacións veciñais, comprometidas en ofreceren o seu punto de vista sobre a mudanza que precisa a fachada marítima da nosa cidade.
O BNG reafírmase no seu criterio de que a transformación dos terreos portuarios tense que facer desde unha perspectiva global e non parcelando o porto en zonas (Batería e Calvo Sotelo por un lado, San Diego por outro) ás que se outorgasen tratamentos diferenciados.
Na Comisión do Bordo Litoral suscitouse o debate de realizar como tal órgano unha Declaración Institucional. O BNG apoiou esta iniciativa, que non prosperou ao non ter o respaldo nin do PP nin do PSOE.
A esta Declaración o BNG víalle especial sentido no actual contexto de negociación dos orzamentos xerais do Estado para 2021, contas ás que a formación nacionalista ten formulado dúas emendas concretas en relación ao porto: unha por 200 millóns de euros para a transformación dos terreos portuarios (unha cantidade equivalente á débeda da Autoridade Portuaria con Portos do Estado) e outra por 20 millóns de euros para o enlace ferroviario con Punta Langosteira.