SERVIZO DE SOCORRISMO
Detectamos incumprimentos moi graves no servizo de socorrismo das nosas praias
Por responsabilidade achegamos a Alcaldía toda esta serie de incumprimentos polos que demandamos que o Goberno municipal xa debe tomar unha decisión contundente. Entendemos que o Executivo, en función destas achegas, actuará en consecuencia e non permitirá que a empresa continúe xestionando o servizo durante 2017
Realizamos esta mañá unha rolda de prensa na que denunciamos unha serie de incumprimentos no servizo de socorrismo da cidade que tiveron lugar durante o ano 2016 e das que tivemos coñecemento recentemente.
Do mesmo xeito vimos de poñer en coñecemento de Alcaldía, a través dun escrito rexistrado tamén pola mañá no que recollemos todos os incumprimentos dos tivemos probas documentais e polos que demandamos que se actúe en consecuencia.
Por responsabilidade, achegamos esta mañá en documento rexistrado e dirixido á Alcaldía (podes velo premendo aquí), toda unha serie de presuntos incumprimentos que demandamos que se investiguen e que se tomen en consideración para, se procede, o Goberno Local actúe.
En relación aos incumprimentos en materia laboral que veu realizando a empresa Move Servicios de Ocio y Deporte SL cremos que é necesaria unha intervención e que o Goberno municipal xa debe tomar unha decisión contundente. Entendemos que o Executivo, en función destas achegas, actuará en consecuencia e non permitirá que a empresa continúe xestionando o servizo durante 2017.
Así, e segundo ás informacións ás que tivemos acceso moi recentemente, a empresa adxudicataria do Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios nas Praias da Coruña, Move Servicios de Ocio y Deporte SL incumpriu varios preceptos recollidos nos pregos de contratación que regularon a contratación pública deste servizo.
Deste xeito, denunciamos que a empresa incumpriu a lexislación vixente sobre dereito laboral e seguridade social ao impoñer unha xornada laboral completa aos socorristas no seu contrato por un total de 40 h semanais rexidos teoricamente polo Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas de Galicia, cando dito convenio estabelece a xornada completa en 38 h sen pagar a diferenza, que serían consideradas horas extras.
Asemade, tamén a empresa realizou incumprimentos en materia de xornada laboral contrastados xa que logo a Inspección de Traballo iniciou actuacións inspectoras en setembro do ano pasado e polos que esta procedeu regulamentariamente (podes ver o informe premendo aquí).
Tivemos acceso tamén ao cuadrante de persoal no que se pode constatar que a empresa tiña traballando nos areais só ao persoal mínimo que recollen os pregos, que explicita que desde as 11:00 h até as 21:00 h ten que haber un número concreto de persoas nas praias prestando o servizo.
Exemplo práctico: se os pregos establecen que de 11:00 h a 21:00 h na praia de Santo Amaro ten que haber 3 socorristas e a empresa só ten -como demostra o cuadrante- 3 socorristas: que pasa cando un socorrista toma o tempo de descanso que lle corresponde ou cando se toma o tempo que lle corresponde para comer? Pois que a praia queda con 2 socorristas, 1 menos dos que como mínimo marcan os pregos. Outra opción, consecuencia de que a empresa só tivese nos areais o mínimo establecido nos pregos, é que os socorristas non se puidesen tomar o seu descanso ou o seu tempo para comer a fin de que si se cumprise co número mínimo de socorristas nese areal e estabelecidos no prego, nese casos estarían cumprindo en canto aos efectivos mais incumprindo en canto a dereitos laborais.
Como proba disto, achegamos o propio cuadrante da empresa (podes velo premendo aquí) no que aparece o persoal en areais na cantidade mínima recollida nos pregos sen ningún outro persoal que poida cubrir os descansos e os tempos para comer, o cal implicaría, ou ben por unha banda un incumprimento da lexislación laboral, un risco e unha merma na calidade do servizo debido á fatiga física e psicolóxica que os e as socorristas soportan cada día por traballaren sen os descansos preceptivos ou, pola outra banda, unha diminución de efectivos por debaixo do estabelecido no prego.
Solicitamos tamén, no escrito que remitimos a Alcaldía, que o Goberno local investigue unha serie de incumprimentos dos que só tivemos coñecemento a través de persoal que traballou no servizo, entre eles: a contratación de socorristas sen experiencia que obtiveron a titulación moi pouco tempo antes da selección de persoal cando nos pregos técnicos (páx. 10 do Prego de Prescricións Técnicas) se estabelecían que o persoal debía ter experiencia en socorrismo acuático, ou que os patróns non tiñan a titulación requirida pola Dirección Xeral da Mariña Mercante para o manexo das embarcacións das que dispoñía o servizo (Resolución de 9 de marzo de 2015 da Dirección Xeral da Mariña Mercante, BOE 3 de abril de 2015) (páx. 10 do PPT).
Canto a isto, solicitamos no escrito rexistrado que o Goberno verifique isto a través da petición das titulacións do persoal que traballou no Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios nas Praias da Coruña durante 2016 xa que se trataría de novo dun incumprimento cualificado nos pregos como “moi grave” e que suporía tamén un risco e unha merma na calidade do servizo.
En definitiva, solicitámoslle ao Goberno local que, en función da importancia e do sensíbel que é o Servizo de Salvamento, Socorrismo, Vixilancia e Primeiros Auxilios, teña en conta esta información para que, se procede, rescinda a concesión por todos os incumprimentos expostos e que os propios pregos que regularon a concesión cualifica como moi graves.
A Coruña, 31 de marzo de 2017