A INACCIÓN PARA PÓR EN MARCHA O CONSELLO MUNICIPAL DA CULTURA, NA ORDE DO DÍA
Ante o desleixo do Goberno Local, o BNG convoca a Comisión de Educación e Cultura
“Convocamos a reunión cunha orde de día extensa porque son moitas as tarefas pendentes do Goberno Local nesta materia”, avanza Avia Veira.
Canto ás escolas infantís municipais, o que o BNG quer saber é que xestións leva feito o Goberno Local para modificar os contratos coas empresas que as xestionan, despois de o Pleno ter aprobado a extensión da gratuidade até as 8 horas lectivas.
O BNG instará tamén o Goberno Local a que convoque a Comisión Especial de Bibliotecas Municipais para dar cumprimento a un acordo plenario formalizado hai xa meses, o de que se estudase a unificación da rede, compromiso contraído polo grupo municipal socialista cando asinou coa formación nacionalista o Acordo de Investidura. “O acordo plenario está aí, mais o que vemos é un absoluto desleixo por parte do executivo que preside Inés Rey”, critica Veira.
Ao mesmo tempo, o BNG vai demandar explicacións ao Goberno Local sobre por que se resiste a levar a Pleno a aprobación definitiva do regulamento do Consello Municipal de Cultura. A este documento o grupo municipal nacionalista presentou alegacións xa no mes de setembro. “É evidente que ao Goberno Local non lle interesa nada un órgano que ten como propósito establecer un diálogo entre os axentes culturais e o Concello. Por iso nin resolve as alegacións nin aproba o regulamento definitivamente nin o activa dunha vez”, censura.
A convocatoria desta Comisión por parte do BNG obedece tamén ao interese que ten a formación nacionalista por saber se o Goberno Local vai impulsar unha programación arredor do 100 cabodano de Manuel Murguía, a se realizar en 2023.
“Murguía foi fundador da Real Academia Galega na Coruña. Está enterrado na nosa cidade. Simboliza o rexurdimento da nosa lingua e cultura. Por iso, propomos que o Concello, conxuntamente coa Real Academia Galega, promova un conxunto de actividades para divulgar a obra e a figura de Murguía na nosa cidade, que desde logo tamén era a súa”, conclúe Veira.
A orde do día da Comisión de Educación e Cultura vai ser a seguinte:
1.- Aprobación das actas das sesións anteriores.
2. Información do Goberno Local sobre a modificación dos contratos das escolas infantís municipais para a ampliación das 8 horas lectivas de balde.
3.-Información do Goberno Local sobre a situación das Bibliotecas Municipais da Coruña xestionadas por empresa privada e sobre a constitución da comisión especial aprobada en pleno.
4.- Información do Goberno Local sobre o Consello Municipal da Cultura.
5.- Información do Goberno Local sobre programación cultural para o 2023.
6.- Información do Goberno Local sobre programación arredor do 100 cabodano de Manuel Murguía.
7.- Rogos e preguntas.