É CRUCIAL REDUCIR SIGNIFICATIVAMENTE O VOLUME DE RESIDUOS QUE NON SON OBXECTO DE RECICLAXE
Avaliación sobre o anteproxecto para a novo contrato de Nostián
Após a aprobación do anteproxecto da planta por parte da Xunta de Goberno Local, Jorquera critica que o Executivo coruñés non informase previamente do contido deste documento ao Consorcio das Mariñas e lamenta que, na súa interlocución co Goberno do Estado, a alcaldesa non conseguise que se respectase o modelo húmido-seco de Nostián.
“A participación dos Concellos das Mariñas é fundamental para asegurar a viabilidade do proxecto”, remarca Jorquera, para quen “a alcaldesa tiña que terse reunido previamente cos alcaldes, terlles informado e escoitar as súas propostas e suxestións”.
Canto á hipótese de Nostián se ver abocado a renunciar ao modelo húmido-seco e, consecuentemente, a introducir un quinto contedor, pregúntase Jorquera “onde estivo o liderado da alcaldesa e por que non incluíu a defensa do modelo húmido-seco nas súas prioridades na interlocución co Goberno central”.
O anteproxecto contempla o escenario dos refugallos teren como destino o vertedoiro de Areosa, en Cerceda, xestionado por SOGAMA. A ese respecto, Jorquera considera: “Calquera das alternativas que se adopte (destino a SOGAMA, destino a outro vertedoiro, novo vertedoiro en Nostián ou planta de incineración en Nostián) ten inconvenientes e non poden ocultar o problema de fondo: a necesidade de reducir drásticamente os refugallos que non son reciclados”.
E nese sentido apunta: “En 2021 máis do sesenta por cento das toneladas de lixo tratadas en Nostián foron parar ao vertedoiro e, polo que se refire á materia orgánica, apenas un 31% transformouse en compost que tamén acaba no vertedoiro por non reunir os mínimos de calidade esixíbeis”.
Salienta o voceiro nacionalista que no propio informe de viabilidade da concesión de explotación da planta a previsión é que ao final do período de vixencia do novo contrato a porcentaxe de refugallos con destino ao vertedoiro ascenda a máis do 30%. O triple do obxectivo fixado, no seu artigo 8, polo Real Decreto 646/2020, de 7 de Xullo polo que se regula a eliminación de refugallos mediante depósito en vertedoiro, conclúe Jorquera.