SOBRE O XOGO LIMPO NA CAMPAÑA, A PROTECCIÓN DOS XERIÓNS E A RESTITUCIÓN DO TEXTO ORIXINARIO DO HIMNO NACIONAL
O derradeiro Pleno do mandato aproba as tres mocións do BNG
Na súa intervención en defensa do estrito cumprimento da legalidade electoral no período que vai entre a convocatoria das eleccións e o día da votación, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, afirmou que o Bloque respecta a decisión da Xunta Electoral de Zona, órgano que desestimou o recurso presentado pola formación nacionalista contra a decisión do Goberno Local de convocar a Cea do Deporte apenas uns días antes do comezo da campaña.
Porén, Jorquera enfatizou que na súa resolución a Xunta Electoral de Zona advirte taxativamente ao Goberno Local que no desenvolvemento dese acto se absteña de aludir aos supostos logros da súa xestión.
“Agardamos que o Goberno local a acate [a resolución] no referido á advertencia de respectar o disposto na lei electoral de que non existan alusións ás realizacións ou logros das autoridades intervintes”, dixo Jorquera e a seguir subliñou: “Máxime cando a primeira en denunciar o incumprimento de moitos compromisos en materia de deporte por parte do Goberno local é a concelleira que foi titular desta área durante a maior parte do mandato”, en alusión a Mónica Martínez.
Para Jorquera, con independencia da interpretación xurídica do evento, a celebración da Cea do Deporte nunha data tan próxima á do día da votación non é aceptábel do punto de vista dunha mínima ética política. “En ningún caso cuestionamos a celebración da Cea do Deporte, como lle temos manifestado ao tecido deportivo da cidade. O que cuestionamos é o momento en que se celebra”, ten precisado o noso portavoz a este respecto.
O INADMISÍBEL VETO NO ESCANO CIDADÁN
Esa falta de sensibilidade democrática –ese escorregar cara á confusión entre institución (que é de todos) e partido (que é de parte)- púxose tamén de manifesto, entende Jorquera, na inadmisíbel decisión da alcaldesa de vetar o uso do escano cidadán a un traballador do servizo da limpeza que quería inquirir no Pleno o Goberno Local sobre a súa actuación a partir do momento en que se coñeceron as investigacións xudiciais no coñecido como caso STL.
“Discrepamos profundamente dese veto. Pedimos xogo limpo e respecto á dignidade das institucións, que é como pedir respecto ás coruñesas e aos coruñeses”, concluíu Jorquera.