LIÑA DE AXUDAS ÁS CREADORAS, PROGRAMA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS, HABILITACIÓN DE ESPAZOS MULTIUSOS

Queixas avanza tres compromisos programáticos do BNG coa cultura coruñesa

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
A número 3 da candidatura do BNG, Mercedes Queixas, avanzou hoxe que o Goberno Local que se propón liderar o Bloque a partir do 28 de maio “quere acompañar as creadoras e creadores de cultura da nosa cidade en todo o seu proceso creativo, desde a orixe até o momento de expoñelo ao público.
Queixas avanza tres compromisos programáticos do BNG coa cultura coruñesa

“As e os artistas teñen que estar no centro das políticas culturais que se fagan desde o Concello. A Coruña é unha cidade creativa, viva, inquieta, experimental e transformadora. Mais cómpre sacala moito máis á luz. E deseñar unha programación cultural accesíbel, diversa, continuada durante todo o ano e, sobre todo, protagonizada e liderada polas artistas e os artistas locais”, defende a portavoz de Cultura no Parlamento galego do BNG.

Nese sentido, Queixas avanzou tres compromisos en materia de política cultural que o BNG materializará desde o Goberno Local. “O primeiro, o deseño dunha liña de axudas ás creadoras e creadores para abriren os seus estudos, os seus espazos de creación, ao público e para desenvolveren neles unha programación anual aberta. O segundo, a creación dun programa de residencias artísticas que reforcen o proceso creativo nas diversas disciplinas. O terceiro, a habilitación de espazos multiusos nos centros municipais, moitas veces infrautilizados, para as creadoras e creadores realizaren neles as distintas fases do proceso artístico: desde a elaboración da primeira idea até a produción e finalmente a exposición do seu traballo ao público”.

“O inmenso talento das artistas e dos artistas da Coruña será o faro da política cultural do Concello a partir do 28M co BNG á fronte do Goberno Local”, compromete Queixas.

 

Queixas avanza tres compromisos programáticos do BNG coa cultura coruñesa