MOBILIDADE
Unha débeda histórica saldada que deberá ser acompañada dunha restitución patrimonial
Como non podería ser doutro xeito a inmediata peatonalización da Cidade Vella é unha boa nova e unha débeda pendente da nosa cidade. Mais iso non nos debe confundir polo que entendemos que se debe dar prioridade ás súas persoas residentes en canto ao aparcamento en superficie, a aclarar o papel futuro dos aparcamentos públicos de xestión concesionada da contorna e, por suposto, abrir a entidades, partidos e particulares o proxecto que finalmente sexa o que se pretenda executar para facer achegas e aportacións”
Consideramos que a peatonalización da Cidade Alta redundará na súa revitalización e considera que debe ir parella a un proceso de rehabilitación integral que transforme o casco vello nunha zona referencial da Coruña
Vimos de valorar positivamente o inminente proceso de converter o conxunto da Cidade Vella nun espazo de preferencia peonil, e consideramos que esta actuación urbanística é un proxecto que desde hai décadas ficaba pendente na nosa Cidade.
Neste sentido, cremos que, precisamente ao tratarse dunha aposta decidida por unha rexeneración urbana integral, o proxecto debe ser o suficientemente flexíbel e dinámico como para poder facer partícipe ao conxunto de entidades, partidos e particulares, facilitando a proposta de achegas e aportacións, e que conte coa máxima participación do conxunto de veciñas e veciños residentes da Cidade Alta.
Así, xa adiantamos que traballaremos en facer propostas que redunden no proxecto, e entendemos que se debe dar prioridade ás persoas censadas na Cidade Vella para resolver o aparcamento en superficie, polo que propoñemos que se estude xa a posibilidade de que as zonas de preferencia para estas estean situadas na zona da Maestranza, e non no lateral do Centro Oceanográfico, tal e como xa se adiantou nas primeiras propostas para solucionar o estacionamento.
No mesmo sentido, tamén entendemos que se debe implicar no proceso aos distintos aparcamentos públicos, que na actualidade teñen a súa xestión en mans de empresas privadas, xa que logo os beneficios que se obteñen destas xestións deben reverter na propia peatonalización e facilitar que as prazas que hoxe en día están libres se empreguen para dar alternativa ao aparcamento ao se suprimir a grande maioría dos espazos de superficie.
Como non podería ser doutro xeito a inmediata peatonalización da Cidade Vella é unha boa nova e unha débeda pendente da nosa cidade. Mais iso non nos debe confundir polo que entendemos que se debe dar prioridade ás súas persoas residentes en canto ao aparcamento en superficie, a aclarar o papel futuro dos aparcamentos públicos de xestión concesionada da contorna e, por suposto, abrir a entidades, partidos e particulares o proxecto que finalmente sexa o que se pretenda executar para facer achegas e aportacións.
Por último, tamén consideramos que a peatonalización da Cidade Alta redundará na súa revitalización e consideramos que debe ir parella a un proceso de rehabilitación integral que transforme o casco vello nunha zona referencial da Coruña.
A nosa Cidade Alta é, mesmo para as coruñesas e coruñeses, unha grande descoñecida. A súa peatonalización debe servir para unha revitalización e rehabilitación, que dea lugar ao seu redescubrimento e a súa posta en valor. E neste proceso debemos entender que non só chega con quitar a circulación e os coches. Débese acompañar de futuras actuacións de rexeneración urbana e de recuperación patrimonial e histórica.
A Coruña, 15 de maio de 2018.