UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
O curso comeza no campus de Elviña sen o Concello o ter dotado dunha estación de BiciCoruña
É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha batería de preguntas ao Goberno Local para saber por que “se a estación estaba contemplada no proxecto de ampliación non se lle deu prioridade con vistas a tela lista ao comezo do curso 2023-2024”.
Veira quere saber por que non se cumpriron as previsións e cando ten pensado o Executivo coruñés instalar a estación no Campus de Elviña.
A xuízo da concelleira do BNG, o servizo, cando se producir unha nova ampliación, tamén tería que chegar ao campus da Zapateira.
“A necesidade de os campus da UDC se dotaren de estacións de bicicoruña estase a pór particularmente de manifesto estes días en que se ven con clareza os múltiples problemas de mobilidade que ten o estudantado coa saturación do transporte público urbano, as liñas de bus totalmente colapsadas, que o BNG ten denunciado reiteradamente”, remarca Avia Veira. “Instamos, pois, o Goberno Local a que na medida das súas posibilidades acelere a dotación destas instalacións nos campus de Elviña e A Zapateira”, conclúe.