ALVEDRO

Os convenios non chegan: debemos esixir a transferencia da xestión de Alvedro.

Imaxe dun avión despegando de Alvedro
Imaxe dun avión despegando de Alvedro

Só a transferencia da competencia sobre os aeroportos galegos á Galiza para a súa xestión conxunta garantiría un servizo acorde as necesidades reais de Alvedro

Demandamos que no terminal coruñés é preciso investir para a implantación dun sistema de axuda instrumental para a cabeceira sur e apostar por un sistema de aproximación por GPS (sistema de navegación por satélite GBAS) que permitiría que os avións puideran aterrar pola noite e con certas condicións climatolóxicas adversas

 Avia Veira: “O labor do Goberno municipal non só debe reducirse a asinar convenios, de dubidosa rendabilidade con compañías aéreas; debe tamén esixir o traspaso competencial a Galiza xa que logo implicaría a participación na dirección, na execución e no control dos investimentos e nas infraestruturas, o que garantiría uns servizos máis acordes ás necesidades reais da comarca, e menos vinculados aos intereses económicos de Aena e das empresas do sector”

Os convenios non chegan: debemos esixir a transferencia da xestión de Alvedro.

Logo do anuncio da reordenación de voos anunciada onte para o aeroporto de Alvedro, e tras a comunicación da próxima sinatura do novo acordo entre o Concello da Coruña e a empresa Vueling, lembramos que só a transferencia da competencia sobre os aeroportos galegos á Galiza para a súa xestión conxunta garantiría un servizo acorde as necesidades reais da nosa cidade e comarca.

Neste sentido, queremos destacar que o labor do Goberno municipal a respecto do terminal coruñés non pode quedar reducido á mera sinatura de convenios, de dubidosa rendabilidade, e que, tal e como ven actuando o propio BNG desde hai anos, para Alvedro e para o conxunto de aeroportos de Galiza, o Executivo local debería sumarse á reclamación da transferencia da competencia.

Este traspaso implicaría a participación na dirección, na execución e no control dos investimentos e nas infraestruturas, o que garantiría uns servizos máis acordes ás necesidades reais da comarca, e menos vinculados aos intereses económicos de Aena e das empresas do sector.

Isto o podemos exemplificar na situación actual do aeroporto, limitado gravemente en determinadas condicións climatolóxicas adversas, e cos constantes desvíos que realiza a Lavacolla ou a outros aeroportos; desde hai máis dun ano se vén demandado que no terminal coruñés é preciso investir para a implantación dun sistema de axuda instrumental para a cabeceira sur e apostar por un sistema de aproximación por GPS (sistema de navegación por satélite GBAS) que permitiría que os avións puideran aterrar pola noite e con esas condicións climatolóxicas adversas, sistema con poucos gastos de mantemento e que aforraría en tempos, carburantes e outro tipo de gastos producidos polos propios desvíos.

Seguimos sen entender como a día de hoxe non se realizou a construción da conexión coa AP-9, ou non se estableceu unha comunicación áxil cos demais terminais galegos a través de servizos de lanzadeiras por estrada, ou mesmo non exista un plan para a coordinación e a planificación do mapa de rutas aéreas para as tres terminais galegas. Isto só se entende por estar xestionados para redundar no beneficio de Aena e das empresas aeronáuticas, e coa complicidade das administracións, que en ningún caso están polo labor de garantir un verdadeiro transporte aéreo funcional para a Coruña e comarca.

A Coruña, 10 de novembro de 2016

Os convenios non chegan: debemos esixir a transferencia da xestión de Alvedro.