PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NO PLENO DESTE 5N
Continúa a se amorear xente no transporte público urbano: que fai o Goberno Local?
“As escenas de xente a se amorear nos buses urbanos están nas redes sociais e nos medios e non son de recibo en pleno recruamento da pandemia. Queremos saber que pensa facer o Goberno Local para lle esixir á Compañía de Tranvías [concesionaria do servizo] que cumpra cos protocolos da Covid-19”, indica Veira.
“Se a empresa continúa sen tomar medidas que garantan a seguranza, o Concello como titular do servizo tena que sancionar”, resalta a edil do BNG. “Cómpre que se actúe xa para controlar o número de persoas que van nos buses e para reforzar as liñas con máis vehículos e con maiores frecuencias, nomeadamente en traxectos como o 6, o 14, o 21 ou o que vai ao campus de Elviña”, engade.
O dereito á mobilidade e o dereito á saúde teñen que ser garantidos polo Goberno Local sempre e en todo momento, nomeadamente nas condicións dunha crise sanitaria da gravidade da actual. “O servizo pode estar concesionado, pero o responsábel último do seu correcto funcionamento é o Concello”, conclúe Veira.