PREGUNTA ORAL DE JORQUERA AO GOBERNO LOCAL NO PLENO DO VINDEIRO 5N
Cómpre mobilizar máis recursos para lle facer fronte ás secuelas socioeconómicas da pandemia
Para a formación nacionalista, o Concello ten que se implicar máis na dinamización da economía local e na atención aos colectivos socialmente máis vulnerábeis perante a grave crise socioeconómica producida pola pandemia.
“Vimos esta semana, na Comisión de Seguimento do PRESCO, como moitas das accións que acordamos entre os distintos grupos do Concello se están a desenvolver con excesiva lentitude. Fai falta maior dilixencia”, considera Jorquera.
“Algunhas das liñas do PRESCO están a esgotar o orzamento. Isto significa que cómpre mobilizar máis recursos. A situación é moi dura en termos económicos e sociais, con sectores como a hostelaría ou a cultura que están a chegar a unha situación límite. É preciso un maior compromiso do Concello”, opina o portavoz nacionalista. “A estratexia non pode ser limitarse a prorrogar as contas. A pandemia criou unha situación absolutamente nova. O Estado vai ter orzamentos novos, a Xunta tamén. Hai un marco distinto, coa suspensión da regra de gasto. Non ten xustificación que o Concello actúe coas contas conxeladas. Volvo pedirlle ao Goberno Local que reconsidere a súa decisión de prorrogar os orzamentos e que sente a negociar cos grupos”, enfatiza.