VAINO DENUNCIAR NO #PLENOXANEIRO DO 9X A NOSA CONCELLEIRA MERCEDES QUEIXAS

O Consello Municipal da Cultura, "desactivado" polo desleixo do Goberno Local

CMC
Aspecto da última reunión do Consello Municipal da Cultura, o 22 de maio de 2024
O Consello Municipal da Cultura é o argumento sobre o que xira a pregunta oral que a concelleira do BNG Mercedes Queixas lle vai dirixir ao Goberno Local no Pleno de xaneiro do Concello a se realizar o vindeiro xoves 9X.
O Consello Municipal da Cultura, "desactivado" polo desleixo do Goberno Local

“Acredita o Goberno Local no Consello Municipal da Cultura como órgano de participación do tecido cultural coruñés?”, así reza o texto da cuestión que formula a edil nacionalista.

E é que o BNG xa levou esta cuestión ao Pleno do pasado mes de setembro, en forma dunha moción que versaba sobre a política cultural do Concello e que no seu primeiro punto instaba o Executivo coruñés a lle dar impulso ao Consello Municipal da Cultura. A moción tivo o apoio unánime da Corporación.

Mais desde setembro nada se fixo para lle dar cumprimento, alerta Mercedes Queixas. “Rematou 2024 e o Consello Municipal da Cultura continuou desactivado”, afirma, e todo polo desleixo e falta de interese por parte do Goberno de Inés Rey.

En realidade, o único que ten feito o Goberno Local é constituír o CMC, sendo que a súa creación facía parte dos compromisos do Acordo de Investidura. Mais constituír un órgano non é suficiente. Logo hai que darlle vida e impulso. Iso é o que non está a facer o Executivo coruñés.

O propósito do CMC debe ser o de o Concello ter un contacto directo e estábel coa cultura coruñesa, coas súas entidades e as e os seus creadores. O problema, interpreta Queixas, é que o Goberno Local non ten unha grande vocación de “diálogo e transparencia”. A concelleira ve “falta de estratexia, compromiso e dirección cultural” por parte do equipo que dirixe Inés Rey.

 

Non entende a concelleira “por que se pecha a participación e a implicación da cidadanía para facer parte da acción municipal coas súas achegas” e, para concluír, insta o Goberno Local a que en 2025 se comprometa realmente “co desenvolvemento pleno do Consello Municipal da Cultura”.

 

O Consello Municipal da Cultura, "desactivado" polo desleixo do Goberno Local