UNHA INICIATIVA PARA O #PLENOXANEIRO DESTE XOVES 9D

Veira propón medidas para mellorar a conexión por bus coa estación provisional dos camiños de ferro

mapa
Imaxe tirada de "El Ideal Gallego".
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender no Pleno deste xoves a adopción dunha serie de medidas que vaian na dirección de mellorar a conexión por bus coa estación provisional dos camiños.
Veira propón medidas para mellorar a conexión por bus coa estación provisional dos camiños de ferro

A construción da intermodal levou aparellado o traslado dos servizos ferroviarios a unha estación provisional. O problema é que a comunicación por bus con esa terminal é deficiente.

“En todo o tempo que levou a licitación das obras da Intermodal, e coñecendo as implicacións que está a ter, o Goberno de Inés Rey non pensou en como acomodar o servizo de transporte público colectivo de viaxeiros”, critica Veira na exposición de motivos da moción que levará ao Pleno do Concello.

As paradas que dan servizo á estación provisional “non son aptas para dar servizo a unha infraestrutura con tanta demanda”, sinala. E tampouco hai nin frecuencias nin horarios nin liñas abondo.

É por isto que, no apartado dispositivo da moción, o BNG propón que na parada da Avenida do Ferrocarril número 14 se instale unha marquesiña cunha dimensión suficiente e que a que existe na paraxe do número 33 se agrande.

Ao mesmo tempo, Veira pídelle ao Goberno Local que lle exixa á Compañía de Tranvías “a adaptación dos horarios e frecuencias dos autobuses que paran na contorna da estación do Ferrocarril, de xeito que haxa unha mellor coordinación cos horarios dos trens”.

De resto, o BNG propón que se estabelezan itinerarios peonís seguros e accesíbeis, ben separados das obras e do tráfico, para as persoas que acoden á estación dos camiños de ferro.

 

Veira propón medidas para mellorar a conexión por bus coa estación provisional dos camiños de ferro