EMALCSA
O conflito en Valoriza segue sen solución
Avia Veira na mobilización convocada polo cadro de persoal.
A nosa concelleira Avia Veira vén de participar esta mañá na mobilización convocada polo cadro de persoal da empresa encargada da limpeza de sumidoiros que se concentrou diante de Emalcsa na Casa da Auga, e que desde o pasado verán iniciou unha serie de actividades para denunciar a súa situación laboral.
E é que as traballadoras e traballadores continúan coa súa axenda de mobilizacións malia ser aprobada, no pasado mes de decembro, unha iniciativa precisamente presentada por nós (e que podes descargar premendo aquí), na que se demandaba que o Concello da Coruña atendera as reivindicacións que afectan as súas condicións laborais e que demandaba á empresa Valoriza Agua que desbloqueara esta situación da negociación do Convenio Colectivo garantindo, como mínimo, a recuperación dos salarios perdidos desde o ano 2010, conxelados unilateralmente pola dirección da empresa desde ese ano.
Asemade, desde 2010 a empresa Valoriza Agua, percibiu importantes aumentos no prezo da hora (ata un 42% no 2012) e a revalorización do prezo da mesma anualmente, en relación ao IPC (un 7,3% de subida só neste concepto desde que Valoriza leva a concesión deste servizo) tal e como establece o prego de condicións do servizo, que en ningún caso repercutiu nas e nos traballadores nin nas súas condicións laborais.
Deste xeito, preguntámonos que está facendo este Goberno municipal a respecto do conflito de Valoriza despois de se aprobar a moción, e cuestionámonos que realmente se estea a traballar en defensa dos intereses do cadro de persoal diante da constante vulneración de dereitos que a empresa realiza.
A situación segue ser a mesma que a que motivou a presentación da moción: a conxelación de salarios desde 2010 segue a se producir malia a iniciativa que se aprobou o mes pasado. Non é a primeira vez neste mandato que asistimos á impasividade do Goberno municipal diante dun conflito laboral en empresas que prestan servizos ao Concello da Coruña, ou neste caso, a Emalcsa. Cómpre xa que este Goberno se involucre e medie para chegar a unha solución xusta.
A Coruña, 16 de xaneiro de 2019.