ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

A Coruña e a súa comarca desaparecen dos orzamentos xerais do Estado

Un dos momentos da comparecencia pública de Francisco Jorquera onde valorou os orzamentos do Estado
Un dos momentos da comparecencia pública de Francisco Jorquera onde valorou os orzamentos do Estado

Jorquera sobre o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.

A Coruña e a súa comarca desaparecen dos orzamentos xerais do Estado

O noso candidato a Alcaldía para as próximas eleccións municipais, Francisco Jorquera, vén de facer esta mañá unha primeira valoración a respecto do avance dos orzamentos xerais do estado no que ten que a ver cos investimentos destinados para A Coruña e a nosa comarca.

Deste xeito, Francisco Jorquera denunciou, a falta de facer un estudo de detalle e segundo puido destacarse das informacións periodísticas que hoxe aparecen na prensa, que hai proxectos fundamentais para a comarca e para a cidade da Coruña que están infradotados, cando non desaparecidos dos orzamentos, e poñía como exemplos a liña férrea entre A Coruña e Ferrol, o acceso ferroviario ao Porto Exterior, a conexión do acceso á propia Punta Langosteira coa Terceira Rolda, o Vial 18, algo, que desde o seu punto de vista ten responsábeis:

“O sucursalismo é un mal negocio para Galiza e para a cidade da Coruña: queremos lembrar que este proxecto de orzamento é froito dun pacto entre o Partido Socialista e Podemos, coas Mareas coaligadas en Podemos, e a actitude de supeditación ás direccións estatais destes partidos fixo que desaparecesen cuestións claves e investimentos necesarios para a nosa cidade”, advertía o candidato nacionalista á Alcaldía.

Neste sentido, o propio Jorquera poñía cifras da caída dos investimentos que se recollen nos OXE a respecto do ano 2018, xa que logo cuantificaba nun 20% aproximadamente a diminución para o conxunto de Galiza, aumentando esta cifra para a comarca até nun 23%.

Para Jorquera esta diminución é escandalosa e amosa a nula capacidade de incidencia e a submisión por parte da representación política de Galiza no Congreso das deputadas e dos deputados que “non se preocuparon de meter na axenda asuntos clave para Galiza e para a Coruña”.

“No proxecto dos OXE presentado onte consignanse o que é, a efectos prácticos, unha cuantiosa condonación da débeda para o porto de Valencia mentres que non acontece o mesmo para coa débeda contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña. Cabe lembrar a nosa demanda histórica de que se financie o Porto Exterior de Punta Langosteira a conta destes orzamentos, algo que novamente non acontece e que significa un agravio comparativo para a nosa cidade e comarca”, concluía o noso candidato Francisco Jorquera.

A Coruña, 15 de xaneiro de 2019.

A Coruña e a súa comarca desaparecen dos orzamentos xerais do Estado