A AUSENCIA ENTRE AS ENTIDADES BENEFICIARIAS FAINOS SOSPEITAR QUE NON

Concorreu o Concello á convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios municipais?

Avia, diante da Casa de Cultura Salvador de Madariaga
O Concello da Coruña non figura entre as entidades beneficiarias das axudas orzadas polo Estado para a rehabilitación de edificios municipais, un fondo dotado con 600 millóns de euros a cargo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado pola Comisión Europea.
Concorreu o Concello á convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios municipais?

Isto leva a concelleira do BNG Avia Veira a sospeitar que o Goberno Local non presentou ningunha solicitude para se beneficiar destas axudas. “Vimos concellos con 35 puntos sobre un total de 100 que si van obter parte destes fondos. A ausencia do Concello da Coruña fainos pensar que non presentou a solicitude”, di. Si que se presentaron a esta convocatoria, e serán beneficiarios, Cambre e Arteixo.

Para ter certeza de se efectivamente o Concello da Coruña concorreu ou non á concesión destas axudas, Avia Veira vén de rexistrar unha batería de preguntas por escrito que presentou ante os medios diante da Casa da Cultura Salvador de Madariaga. “Aquí está o Arquivo Municipal. Pois ben, na súa propia memoria de xestión dise que se atopa nunha situación insostíbel a consecuencia das deficiencias que presenta este edificio”, remarca Veira.

“Cremos desde o BNG que era necesario que o Concello solicitase eses fondos. Non sabemos se o fixo ou non. Sospeitamos que non, porque non está entre as entidades beneficiarias. Consideramos que hai múltiples edificios municipais que poderían ser rehabilitados, a se faceren obras de accesibilidade neles, e queremos que o Goberno Local nos dea explicacións sobre a ausencia do Concello na listaxe das entidades beneficiarias”, acrecenta a concelleira nacionalista.

É obvio que se o Concello non se vise obrigado a utilizar fondos propios para rehabilitar os edificios municipais podería destinar eses recursos a atender outras políticas, nomeadamente sociais, “nun momento en que moitas coruñesas e coruñeses sofren os efectos da escalada de prezos”.

En todo caso, e no caso de se confirmar a non presentación do Concello a esta convocatoria, o BNG agarda que o Goberno Local si concorra a futuros procedementos de concesión de axudas, sendo que o parque de edificios municipais ben o necesita. “Lembremos, por pór un exemplo, que se nos dixo que non se podía pendurar a bandeira LGTBI dos balcóns do Pazo de María Pita polo estado en que se atopaba a súa estrutura”, salienta Veira.

“O que non se pode argumentar desde o Goberno Local é que non ten fondos para reformar locais do Concello e logo non te presentar a unha convocatoria para subvencionar as obras de rehabilitación”, conclúe.

 

 

Concorreu o Concello á convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios municipais?