NOVAS COMPARECENCIAS NA COMISIÓN QUE PRESIDE JORQUERA

Concordamos coa Confraría e Acerga: a pesca ten que ser moi tida en conta na nova fachada marítima

Jorquera, Alberto Castro e Javier Mariñas. Comisión Especial da Fachada Marítima. 11 de outubro de 2024.
Jorquera, Alberto Castro e Javier Mariñas
Este venres compareceron na Comisión Especial da Fachada Marítima que preside Francisco Jorquera o presidente da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas, e o secretario da Asociación de Armadores do cerco de Galicia, Alberto Castro.
Concordamos coa Confraría e Acerga: a pesca ten que ser moi tida en conta na nova fachada marítima

“Centraron a súa exposición nas necesidades da pesca, que deben ser contempladas na reordenación dos espazos portuarios e na definición dos usos futuros”, relata Jorquera. “Concordamos absolutamente con ese enfoque, moi valioso e que, desde logo, debe ser tido en conta á hora de planificar a nova fronte marítima da Coruña”, remarca.

Para o BNG, é crucial que o porto continúe a ser motor económico da cidade e, por suposto, “dentro das actividades produtivas a el asociadas hai que pór en primeiro plano a importancia da pesca”.

É por iso que “calquera reordenación dos peiraos”, salienta Jorquera, “debe asegurar non só espazo suficiente para o amarre da frota e os labores de descarga, senón tamén para as actividades de comercialización e loxística, ben como igualmente para o desenvolvemento dos labores de investigación vencellados á recuperación e optimización dos recursos pesqueiros”.

A pesca, alén da súa indiscutíbel importancia económica, “fai parte da nosa identidade e da historia da Coruña”, resaltou Jorquera.

“Como expuxo o patrón maior da confraría, un porto en que só haxa navegación deportiva ou recreativa acaba por se converter nun atrezzo, non nun porto vivo”, concluíu.

 

 

Concordamos coa Confraría e Acerga: a pesca ten que ser moi tida en conta na nova fachada marítima