Queixas insta a Xunta a que repare decontado os danos causados por Kirk no CEIP Rosalía de Castro
O problema fíxose patente co paso pola cidade da borrasca Kirk: os fortes ventos e a cantidade de auga caída provocou o desprendemento de varias planchas de metacrilato do tellado deste CEIP, o que obrigou a intervir os bombeiros para as retirar e para analizar o estado en que se achan as restantes planchas.
É por todo isto que a deputada, e tamén concelleira, Mercedes Queixas vén de rexistrar unha batería de iniciativas (proposición non de lei, preguntas orais e escrita) por medio das cales insta a Xunta a que repare de inmediato os danos causados por Kirk no Rosalía de Castro.
Queixas pídelle ao Goberno Galego que faga un estudo completo dos estragos producidos por esta borrasca e que actúe para “garantir a seguridade da comunidade educativa nos accesos de entrada e saída ao centro”.
Canto ás preguntas, Queixas quere saber se a Xunta era coñecedora das denuncias presentadas pola ANPA e que reparacións ten acometido nestes días para garantir o bo estado do tellado.
Salienta Queixas que a zona afectada polos danos “adoita estar moi concorrida, sendo que é a que protexe o paso do alumnado de educación infantil e está próxima á zona de entrada e saída do centro do conxunto do alumnado e profesorado de primaria”.