O conchaveo obsceno do PP a conta do Ofimático
O BNG considera que así calquera: malo será que desta volta a Xunta de Galiza non poida vender a súa parcela do ofimático, vistas as mudanzas e melloras urbanísticas que da mesma lle fai o goberno local despois de estimar as súas alegacións e que supoñen, ao igual que a fábrica de tabacos, un novo agasallo para a propia xunta, única e exclusivamente para que a administración galega faga caixa.
Contrasta a actuación do Goberno Local respeto a ADIF e Xestur, con outros pequenos promotores do Ofimático como poden ser os residentes afectados polo Proxecto de urbanización do Ofimático que aínda están á espera dunha solución á súa problemática dentro da propia legalidade.
Os residentes deberían aproveitar o novo trámite de información pública da modificación do Plan Parcial do Ofimático para presentar alegacións co fin de saber se terán a mesma sorte e recibirán o mesmo trato que ADIF e Xestur.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que así calquera, e malo será que desta volta a Xunta de Galiza non poida vender a súa parcela do Ofimático, vistas as mudanzas e melloras urbanísticas que da mesma lle fai o Goberno Local despois de estimar as súas alegacións e que supoñen, ao igual que a Fábrica de Tabacos, un novo agasallo para a propia Xunta, única e exclusivamente para que a Administración galega faga caixa.
E é que despois de tentar vender, por parte de Xestur, até en dúas ocasións esta parcela, Z-14, agora o Goberno Local mellóralle a ordenanza de aplicación cunha serie de mudanzas urbanísticas (cambiando o uso principal de administrativo a terciario, alterando as súas condicións urbanísticas, alturas (coa posibilidade de facer un edificio de 15 andares), parcelacións, etc) para facilitar a súa venda, logo de estimar as alegacións presentadas por Xestur á modificación do Plan Parcial, e poder así, a Xunta de Galiza, facer caixa. Ao igual que na Fábrica de Tabacos, salientan as nacionalistas, o Goberno local volve facerlle un novo agasallo de balde á Administración Galega.
A xuízo do Grupo Municipal do BNG así calquera pode vender e desvincularse do Ofimático. E é que esta actuación do Goberno Local, recalificando a parcela de Xestur no Ofimático para facilitar a venda, ou respecto do ADIF, ao que lle crea unha nova parcela, a Z-48, nunha das zonas verdes públicas para cumprir a sentenza do Supremo de 2009 pola cal lle recoñece edificabilidade, contrasta coa actuación do Goberno do Sr. Negreira con outros pequenos promotores do Ofimático como poden ser os residentes afectados polo Proxecto de urbanización do Ofimático que aínda están á espera dunha solución á súa problemática dentro da propia legalidade.
O BNG sinala que os residentes deberían aproveitar a segunda información pública da modificación do Plan parcial do sector 10 Parque Ofimático que se encontra actualmente en exposición para presentar alegacións co fin de saber se terán a mesma sorte e recibirán o mesmo trato por parte do Goberno Municipal que deste recibiron ADIF e Xestur.