Concerto acústico e moita reivindicación do potencial do Barrio das Flores na segunda sesión vermú
A sesión vermú é ante todo un convite para a confraternización e para escoitar boa música, da man das mozas de Leria, o emerxente grupo indie pop coruñés. Entre peza e peza, hai tamén espazo para breves intervencións das persoas que integran a candidatura do BNG. Desta volta tomaron a palabra Carlos Varela, veciño do barrio e número 10 da listaxe do Bloque, e Francisco Jorquera, o noso candidato á Alcaldía.
Jorquera defendeu que A Coruña necesita un “cambio de rumbo”, orientado a “pór os barrios no centro”. “Para acabar coa existencia de barrios ricos e barrios pobres na Coruña. Para que o acceso a determinados servizos ou equipamentos non dependa de en que barrio da cidade vivas”, dixo.
Un cambio de rumbo para tirar partido do “enorme potencial que ten o Barrio das Flores”, engadiu. E a seguir chegou o momento das propostas: “O Barrio das Flores precisa dun plan de rehabilitación integral que o recupere e poña en valor, mellorando as súas condicións de accesibilidade e habitabilidade, rehabilitando vivendas, recuperando zonas verdes e espazos públicos e acompañando estes obxectivos doutras medidas dirixidas á súa revitalización”, remarcou.
Un plan, iso si, que ten que elaborarse en diálogo coa veciñanza, “que é a que coñece de primeira man as necesidades e carencias do barrio”, subliñou.
Claro que mentres ese plan non sexa realidade, o Concello ten de actuar para mellorar “a curto prazo” os servizos e a calidade do espazo público “e con iso a calidade de vida de veciñas e veciños”, apuntou Jorquera.
A realidade actual do Barrio das Flores é moi parella á que viven outras áreas da cidade, diagnostica o candidato do BNG. “Existen graves problemas de accesibilidade, o barrio está cheo de escaleiras para salvar os desniveis do terreo ou para acceder aos distintos edificios e intercomunicalos entre si. Trátase dun problema grave se temos en conta que aquí vive moita xente maior”, relatou e a seguir apuntou: “A todo isto hai que sumar a falta de mantemento que se observa en prazas, rúas, parques e xardíns”.
E faltan tamén equipamentos, até o punto de o barrio carecer dun centro cívico e de locais para as entidades barriais e as actividades da veciñanza.
“E, para que o Barrio das Flores teña o que merece, temos nosa candidatura a unha persoa como Carlos Varela, veciño deste barrio que coñece os problemas e necesidades do Barrio das Flores como a palma da man”, destacou Jorquera xa para concluír.