ENCONTRO CON EXECUTIVAS DE GALICIA

Jorquera propón un Consello Económico e Social para o Concello dinamizar a economía da cidade

Jorquera con Executivas de Galicia
Foto de grupo ao termo do encontro
O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, mantivo esta mañá, no Work Café Santander, un encontro cunha delegación de Executivas de Galicia, encabezada pola súa presidenta Carla Reyes.
Jorquera propón un Consello Económico e Social para o Concello dinamizar a economía da cidade

“Agradecemos o convite de Executivas de Galicia. Vimos a este encontro co ánimo de escoitar e coñecer máis en profundidade esta asociacións e as súas propostas”, dixo Jorquera aos medios antes de comezar o encontro, no que estivo acompañado por Avia Veira e Mercedes Queixas, números 2 e 3 da candidatura do BNG, respectivamente.

No almorzo con Executivas de Galicia, Jorquera expúxolles o “proxecto económico” do BNG para A Coruña. “A nosa cidade reúne todas as condicións para ser o motor económico de Galiza. Mais para A Coruña desenvolver todas as súas potencialidades, o Concello ten que xogar o rol de liderado e de dinamizador da economía local”, afirmou.

Nesa dirección, o BNG, á fronte do Goberno Local, proponse impulsar a constitución do Consello Económico e Social da Coruña. Unha entidade participada polo Concello, outras administracións e axentes sociais e tamén un foro para “consensuar as liñas que deben definir un proxecto económico estratéxico para A Coruña e a súa comarca”, remarcou.

“Nese foro Executivas de Galicia desde logo debería estar representada”, propúxolle Jorquera á Carla Reyes durante o almorzo. “Por nós, encantadas!”, respondeulle.

Está a ser neste momento o Concello elemento activo da dinamización económica da cidade? Pois máis ben non: “Dificilmente o pode ser se durante este mandato só foi quen de aprobar dous orzamentos -2020 e 2022- e no capítulo de investimentos só é capaz de executar 1 de cada 3 euros orzados”, alegou Jorquera.

20230421_095421
Un momento do encontro, realizado no soto do Work Café, na antiga cámara acorazada do Pastor

A abordaxe do problema da vivenda tamén foi obxecto de tratamento no encontro.

“Imos facer desta unha cuestión central a partir do 28 de maio. Aspiramos a unha cidade da que ninguén teña que marchar por non poder acceder a unha vivenda digna”, dixo Jorquera.

Mais, en calquera caso, “as coruñesas e coruñeses teñen que saber que as principais competencias en materia de vivenda radican na Xunta de Galiza, unha administración que podemos dicir que carece de política sobre esta materia”.

Un dato abondo para soster esa afirmación: “Nos últimos dous anos do bipartito (2007-2009), e baixo o impulso do BNG, a Xunta promoveu máis vivendas públicas que as realizadas desde o retorno do PP ao Goberno galego”.

“A política de vivenda, no que se refire á Xunta de Galicia, é igual a cero. O PP coruñés con quen tería que ser esixente é coa administración competente, isto é, coa Xunta”, concluíu.

 

Jorquera propón un Consello Económico e Social para o Concello dinamizar a economía da cidade