BANCO PASTOR
O Concello e a Xunta deben defender á clientela minorista e ao cadro de persoal do Banco Pastor
Presentamos unha moción para que tanto o Concello da Coruña como a Xunta de Galiza defendan os intereses das e dos clientes e accionistas minoristas e o cadro de persoal que proveñen do Banco Pastor afectados pola merca do Banco Popular
Solicitamos na iniciativa, entre outras medidas, instar á Xunta que reivindique o mantemento da entidade Banco Pastor e que siga tributando como tal en Galiza, e que o Parlamento de Galiza cre unha Comisión na que se abran, entre outras, unha investigación das diferentes actuacións e responsabilidades do cadro directivo, os organismos supervisores e dos gobernos galego e central que desencadearon na liquidación do Banco Pastor
A nosa moción tamén recolle instar o Parlamento de Galiza a preservar todas as actividades que realiza hoxe en día a Fundación Pedro Barrié de la Maza, unha das máis antigas do Estado español, así como conservar todo o seu patrimonio artístico e cultural evitando o seu espolio e marcha de Galiza. A merca do Banco Santander do Banco Popular pon en perigo de xeito evidente as súas actividades e postos de traballo entre as que nos preocupa especialmente o centro situado na rúa Orillamar da nosa cidade
Vimos de presentar esta mañá unha moción (podes vela premendo aquí) para que tanto o Concello da Coruña como a Xunta de Galiza defendan os intereses das e dos clientes e accionistas minoristas e a todo o cadro de persoal que proveñen do Banco Pastor afectados pola merca do Banco Popular.
Neste sentido, entendemos que a venda do Banco Popular, e por conseguinte, a afectación ás persoas que seguían sendo clientes do antigo Banco Pastor, é unha estafa financeira en toda regra, na que todos os accionistas acaban de perder os seus investimentos.
Para nós, esta venda supón o final dunha cadea de decisións políticas e erros na supervisión que comezaron co deseño do rescate financeiro no estado español, un rescate que á vista dos feitos resultou desproporcionadamente caro e ineficiente, polo que a caída do Banco Popular demostra que os problemas persisten e quedan lonxe de ser resoltos, nomeadamente o impacto dos activos tóxicos.
Os gobernos galegos e estatal, así como os organismos reguladores tiveron unha importante responsabilidade na caída do Banco Popular, amparados por unha lexislación baseada no “deixar facer”. O Banco Popular superou os “test de estres” realizados pola Unión Europea hai menos dun ano. Engádese, asemade, que a situación do Banco Popular na data da compra, malia atoparse con falta de liquidez e non en risco de creba real e inmediata, por tanto, na teoría viábel bancariamente, amosa como de novo a enxeñería financeira e a voracidade do mercado volveu a se impoñer sen ter en conta a realidade das persoas, das entidades e do Pais, pregándose aos intereses do Banco Santander.
Asemade, esta merca tamén dá lugar a unha grande incertidume sobre a situación a curto prazo do cadro de persoal que hoxe en día forma parte da estrutura do Banco Pastor, da súa Fundación e das numerosas empresas auxiliares especialmente no centro de traballo da rúa Orillamar (só o servizo de atención telefónica emprega a máis de 200 persoas) que pode verse afectado xa que logo, e atendendo ao facer habitual do novo propietario, o Banco Santander, xa se prevé a realización dun forte axuste que pode derivar na desaparición de numerosas oficinas, por tanto de postos de traballo.
A superposición de tres redes comercias (do Banco Pastor, Popular e Santander) implicará a intención do Banco Santander de reestruturar o seu negocio mediante despedimentos de persoal e tamén afectación no emprego das empresas auxiliares. Moito nos tememos que se van perder moitos postos de traballo polo que tanto o Concello da Coruña como a Xunta deben amosar unha actitude firme en defensa das traballadoras e traballadores afectados e de denuncia das posíbeis consecuencias desta venda.
Así, queremos que o conxunto da corporación amose a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, coas persoas afectadas, coa clientela, e co seu accionariado, amosando a firme convicción desta cidade de manter o Banco Pastor vivo e activo.
Tamén, solicitamos na iniciativa, entre outras medidas, instar á Xunta que reivindique o mantemento da entidade Banco Pastor e que siga tributando como tal en Galiza, e que o Parlamento de Galiza cre unha Comisión na que se abran, entre outras, unha investigación das diferentes actuacións e responsabilidades do cadro directivo, os organismos supervisores e dos gobernos galego e central que desencadearon na liquidación do Banco Pastor.
Por último, a iniciativa tamén recolle a nosa preocupación polas actividades que se desenvolven desde a Fundación Pedro Barrie de La Maza, fundación do Banco Pastor, que tras a absorción polo Banco Popular non se resentiu mais si afectou ao seu patrimonio.
Neste sentido, sinalamos, e malia ser a propia Fundación a propietaria de máis do 40% do antigo Banco Pastor, chegando a ter un capital de máis do 7% no Popular, a última ampliación de capital de 2016, produciu que o seu patrimonio quedara por baixo do 2%, ficando en nada (coma o do resto de accionistas) tras a compra polo Santander
É por iso que a nosa iniciativa tamén recolle instar o Parlamento de Galiza a preservar todas as actividades que realiza hoxe en día a Fundación Pedro Barrié de la Maza, unha das máis antigas do Estado español, así como conservar todo o seu patrimonio artístico e cultural evitando o seu espolio e marcha de Galiza. A merca do Banco Santander do Banco Popular pon en perigo de xeito evidente as súas actividades, o fomento da cultura do noso pais, exposicións, patrimonio artístico etc, e en particular, entre outras, a concesión de becas de formación no estranxeiro ou, tomando como referencia o ano 2015, os 1,5 millóns de euros a Acción Social, o millón de euros ao ámbito da Ciencia, os 2,5 millóns en Educación ou os máis de 3,6 millóns a Patrimonio e Cultura.
A Coruña, 29 de xuño de 2017.