Concello e Xunta asinan dilapidar cartos no convenio do túnel do Parrote
A Coruña, 9 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de insensíbel e de irresponsábel o Goberno do Sr. Negreira e á Xunta de Galiza por dilapidar e soterrar unha millonada no Parrote tras a sinatura do convenio de construción do túnel á que acudiu a ministra de Fomento como convidada de pedra. Unha obra que para o BNG é totalmente innecesaria, que non responde ao interese xeral e que se vai desenvolver nun contexto económico e social nefasto.
As nacionalistas consideran un disparate o gasto de 14 millóns de euros (12 achega a Xunta e 2 o Concello) nunha obra que non resolverá os problemas de mobilidade da cidade e cuxa única finalidade é pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro a Copasa, sen importarlle para nada ao Goberno do sr. Negreira pedir empréstitos para tales efectos. Ademais, tal e como denunciara o BNG, os terreos das actuacións a acometer no Parrote non son municipais, senón da Autoridade Portuaria, que non puxo un céntimo para as obras. Así, debería ser a Autoridade Portuaria quen asumira o custo das obras do Parrote, xa que se atopan en terreos que son da súa competencia, e non do Concello da Coruña, que vai pagar parte da obra, nin da Xunta de Galiza, que sae ao rescate de Copasa en terreos que non lle competen.