O Concello recibiu 1,4 millóns en axudas para o bus do Estado e deulle á Cía de Tranvías 8 millóns
A Coruña, 7 de agosto de 2013.- A pesar de que o Estado lle reduciu a subvención ao Concello da Coruña para transporte público, o Goberno municipal incrementoulle as axudas á Compañía de Tranvías. Segundo os datos aos que tivo acceso o Grupo Municipal do BNG, no 2012 o Concello recibiu do Estado 511.136,26 euros menos que no 2011 en concepto de subvencións para o transporte, á vez que en 2012 o Goberno municipal aumentou en 192.603,39 respecto de 2011 as subvencións municipais á Compañía de Tranvías polo servizo do bus. Así, no 2011, o Concello da Coruña recibiu do Estado en subvención ao transporte 1.934.824,44 euros, cantidade que se reduciu a 1.423.688,18 euros no 2012. Á vez, o Goberno municipal outorgáballe á Compañía de Tranvías 7.851.311,83 euros no 2011, cantidade que aumentou no 2012 a 8.043.915,22 (o 36,66% sobre a cifra de negocios).
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG censura que mentres o Concello recibe menos subvencións do Estado para o transporte urbano, o Goberno do PP aumenta as subvencións á Compañía de Tranvías. As nacionalistas consideran unha obscenidade que o alcalde permita que esta empresa conte con beneficios por conta da cidadanía da Coruña, ademais de permitir aumentar o prezo do billete ás persoas usuarias. Na mesma liña, acusan o alcalde de poñerse do lado dos empresarios e non do pobo ao negarse, unha vez máis, a revisar a concesión da Compañía de Tranvías, que data de 1986, e a perversa fórmula polinómica de cálculo dos billetes.
O Goberno municipal impediulle ao BNG o acceso aos expedientes sobre a solicitude de subvención
As nacionalistas explican que a conta da subvención do Estado se estabelece en función da documentación que remitiu o Concello e que contén os datos de xestión do servizo (resultados de explotación da concesionaria) e das subvencións municipais á Compañía de Tranvías. Precisamente os expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para 2011 e para 2012 foron os que o Goberno municipal lles impediu consultar ao Grupo Municipal do BNG. A denegación da consulta do expediente de 2011 provocou que os tribunais condenaran o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos das concelleiras nacionalistas.