O BNG considera inadmisíbel o desleixo do Sr. Negreira no conflito creado por Albada
A Coruña, 6 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera inadmisíbel o desleixo do Goberno do Sr. Negreira no conflito laboral creado por Albada. As nacionalistas acusan o Sr. Negreira de abandonar o seu papel de alcalde e de actuar como se a folga do lixo, que provocou que haxa máis de 250 tonelas de refugallos na cidade, non fose con el. Considera o BNG que o alcalde non pode inhibirse, xa que se trata dunha concesión municipal que desangra o Concello e os petos da cidadanía. A empresa, que pretende recortar os dereitos laborais dos traballadores para aumentar aínda máis as ganancias, rexistrou un aumento na facturación do canon do lixo en máis de 100.000 euros no primeiro trimestre do ano. Estas cifras súmanse aos cuantiosos beneficios de Urbaser, grupo ao que pertence Albada, que colleitou 146 millóns de ganancias no 2011.
En vez de defender a clase traballadora e favorecer que se desconvoque a folga indefinida que o Comité de Empresa se viu na obriga de convocar, o Sr. Negreira opta por facerlle o xogo a Albada e por manterse afastado do conflito laboral que sofren os traballadores. Non é a primeira vez que o Goberno municipal mantén unha actitude servil con Albada. De feito, despois de que os traballadores denunciaran que en Nostián apenas se recicla, as nacionalistas solicitaron o acceso á planta e o Goberno municipal impediulles a entrada. Tamén lle impediu ao BNG o acceso aos resultados da auditoría económica e medio ambiental. Neste contexto, as nacionalistas pregúntanse que por que o Goberno municipal non obriga a concesionaria a cumprir co tratamento correcto do lixo e a cumprir os compromisos adquiridos cos traballadores. Conclúe o BNG advertindo da estafa social da reciclaxe, xa que a cidadanía paga por un tratamento de residuos inexistente.