Concello da Coruña católico, apostólico e romano, como Diós manda
Onde está a aconfesionalidade dos poderes públicos ante a participación do Alcalde e varios dos seus concelleiros nun acto relixioso?
O Grupo Municipal do BNG denuncia que sentido ten que cargos públicos aos que se lle presume a súa neutralidade participen activamente nunha procesión de Semana Santa.
E é que no día de onte o Sr. Alcalde e varios membros do seu goberno participaron nun acto relixioso de Semana Santa, como foi a procesión da Borriquilla. Así as nacionalistas pregúntanse onde está a aconfesionalidade dos poderes públicos e salientan que o Alcalde e os concelleiros deben respectar as crenzas e as celebracións relixiosas da cidadanía, mais non poden participar nelas para garantir o principio de igualdade.
O BNG oponse a que os representantes da cidadanía da Coruña vulneren a aconfesionalidade dos poderes públicos, que teñen que ser neutrais. E é que representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas, que deben ser tratados exactamente igual.
O Grupo Municipal do BNG, que respecta as crenzas de cadaquén, esíxelle ao Sr. Negreira que garanta a legalidade e o principio de igualdade entre a cidadanía. O alcalde debería saber que a relixión pertence ao ámbito das crenzas persoais e que debe practicarse na contorna íntima da persoa.