O Concello asume a limpeza de pintadas en igrexas (exentas IBI) e non en edificios de particulares
A Coruña, 11 de marzo de 2012.- O Goberno municipal vén de confirmarlle ao BNG que é obriga da Administración local a retirada de pintadas das fachadas das igrexas da cidade; é dicir, é o pobo quen ten que pagar a limpeza de edificios propiedade da Igrexa, aínda cando estes están exentos de pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). O Goberno municipal non emprega a mesma vara de medir, expoñen as nacionalistas, no caso da retirada de pintadas de edificios propiedade de particulares. E é que, tal e como lles confirmaron traballadores e traballadoras municipais, desde hai algo máis de un ano, o Concello da Coruña non asume a limpeza de pintadas en inmobles de particulares, cando antes asumía esta limpeza previa petición das persoas interesadas.
En resposta a unha batería de preguntas escritas presentadas polo Grupo Municipal do BNG, o Goberno do Sr. Negreira di que é obriga da empresa concesionaria da limpeza viaria (CESPA) a eliminación de pintadas en todos os edificios, muros, paredes, pavimentos de uso público e mobiliario urbano a excepción dos semáforos, marquesiñas e postes indicadores das paradas de autobuses urbanos e tranvía, e mobiliario urbano da concesión de publicidade, a instancias do Concello ou a requirimento dos cidadáns previa aprobación municipal. O Goberno municipal entende que neste caso, a empresa cumpre coas súas obrigas contractuais, seguíndose os pasos estabelecidos para estas actuacións, engade.
Nesta resposta, o Goberno municipal dá a entender que será a veciñanza da Coruña quen siga a pagar a limpeza de pintadas tamén das propiedades da Igrexa, cando, segundo a propia Oficina de Atención ao Cidadán/á, o Concello non asume a retirada de pintadas de inmobles particulares.
Xa que as persoas particulares teñen que pagar a limpeza das pintadas dos seus edificios, tería que ser a Igrexa quen sufragase a retirada das pintadas nas súas propiedades
As nacionalistas consideran que, máxime en tempos de políticas antosociais e de recortes, tal e como teñen que ser as persoas particulares as que paguen a retirada das pintadas dos seus edificios, tería que ser a Igrexa quen sufragase a retirada das pintadas das súas propiedades.
Estas preguntas do BNG xurdiron a raíz de que un operario do servizo de limpeza de Cespa retirara unha pintada do exterior da igrexa de San Pedro de Mezonzo o pasado 17 de xaneiro, situada nun barrio cuxas rúas acumulan, frecuentemente, sucidade.