UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Cómpre termar para a Cidade Vella ser verdadeiramente unha área libre de tráfico innecesario

Foto
Peonalización só a medias na Cidade Vella [Foto: La Opinión]
Desde 2018 a Cidade Vella ten o seu tráfico restrinxido a vehículos de persoas residentes e de reparto de mercadorías en horas concretas do día.
Cómpre termar para a Cidade Vella ser verdadeiramente unha área libre de tráfico innecesario

Mais iso, sinala a nosa concelleira Avia Veira, é só na teoría porque na práctica, segundo denuncia a veciñanza, “hai coches de persoas non residentes que percorren a Cidade Vella e vehículos de reparto fóra dos horarios establecidos”.

Esta situación anima Avia Veira a rexistrar unha pregunta por escrito por medio da que inquire o Goberno Local de que modo se está a controlar o acceso de vehículos á Cidade Vella e, nese sentido, quere saber por que se anunciou a instalación de cámaras sen que esa medida se chegase a materializar.

Refire na súa iniciativa a concelleira nacionalista que a recente reforma da Rúa do Rosario supuxo unha mudanza do seu pavimento até o cruzamento coa rúa Ferrarías, o que convida a empregar esta zona como unha área peonil e de xogos para os nenos e nenas.

“Mais”, alerta Veira, “é unha zona que xera confusións porque por alí entran os coches sen que haxa ningún control, nada que os free nin os advirta de xeito moi evidente da peonalización”.

Para a concelleira do BNG, sería ben que se reforzase a sinalización para indicar as restricións de acceso á Cidade Vella. Nesa perspectiva, avoga por que se instalen “métodos de control que tamén sexan barreiras físicas como poden ser os bolardos de lectura de matrícula que obrigan os vehículos a frear”.

 

 

 

 

Cómpre termar para a Cidade Vella ser verdadeiramente unha área libre de tráfico innecesario