UNHA INICIATIVA DE JORQUERA PARA O PLENO DO 7X

Onde fica o proxecto para impulsar a Área Metropolitana?

<i>Francisco Jorquera</i>
O 3 de outubro de 2019, o Pleno do Concello aprobou o primeiro dos pasos que deberían conducir á constitución da Área Metropolitana da Coruña e fíxoo a instancias da Alcaldía.
Onde fica o proxecto para impulsar a Área Metropolitana?

A contradición en que incorre a alcaldesa entre a súa iniciativa de outubro de 2019 e as súas declaracións de xuño deste ano é manifesta.

O BNG, en troca, considera unha necesidade indiscutíbel articular no plano institucional a evidente realidade metropolitana da Coruña e da súa comarca, de aí que no Pleno do vindeiro xoves o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, defenderá unha moción para o Goberno Local dar cumprimento aos acordos plenarios sobre o impulso para a creación da Área Metropolitana.

Acordos porque, alén do formalizado en outubro de 2019, o 3 de xuño de 2021 aprobábase unha moción do BNG na mesma dirección, visto que o votado pola Corporación 20 meses atrás non se traducira en nada en concreto (o primeiro paso debía ter sido a redacción dun anteproxecto para ser trasladado á Xunta e ao Parlamento galego).

Pero é que hai máis: o 19 de agosto de 2021, o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE e da Marea Atlántica anunciaban perante os medios un acordo para activar o procedemento visando a constitución da Área Metropolitana. E comprometíanse a presentar un anteproxecto en setembro de 2021. Compromiso que ficou en nada.

PSOE e Marea comprometéronse a presentar un anteproxecto en setembro de 2021. Compromiso que ficou en nada

Hai, por tanto, unha evidente falta de vontade política: nin se presentou o anteproxecto nin se convocou a Comisión Especial da Área Metropolitana. E, subliña Jorquera, “a alcaldesa non só considera o proxecto inviábel, senón que tampouco se teñen dado pasos para a creación dun consorcio metropolitano nin para mancomunar cos concellos da comarca a prestación de novos servizos”.

A moción que defenderá o BNG no Pleno do vindeiro xoves urxe o Goberno Local a que cumpra cos acordos plenarios sobre a Área Metropolitana, mais tamén a que, en interlocución co resto dos concellos da comarca, avance “na concertación de prestación de servizos a escala comarcal, en tanto non estea constituída legalmente a Área Metropolitana da Coruña”.

 

 

Onde fica o proxecto para impulsar a Área Metropolitana?