Cómpre máis contundencia á hora de reivindicar maiores investimentos para a cidade
A Coruña, 5 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG, logo de se debater na Comisión de Portavoces de esta mañá, unha iniciativa do Goberno municipal na que se pretende das traslado aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galiza dunha serie de reivindicacións a respecto de investimentos necesarios a ter en conta para a proposta de Orzamentos da Xunta para 2016, advirte que non só abonda con facer declaracións de intencións sobre as necesidades da cidade. De pouco sirve facer un relatorio das necesidades de investimentos na cidade e trasladarlla ao resto de grupos políticos se logo se desentende do seu seguimento e non actúa con contundencia ante outras institucións, sinala Avia Veira.
A proposta do Grupo Municipal do BNG incluíuse, na proposta de acordo, demandar máis investimentos para o CPI en Novo Mesoiro co obxecto de garantir a execución do proxecto
As nacionalistas lembran que na primeira valoración sobre a proposta de orzamentos da Xunta anunciaron que o Bloque ten a intención de presentar unha serie de emendas, e que nalgún caso coincide con iniciativas presentadas hoxe. É o caso, por unha banda, do mercado de Santa Lucía, que a Xunta marxinou completamente na súa proposta, e que supón un incumprimento fragrante do protocolo de colaboración asinado o 15 de outubro de 2014 entre o Concello da Coruña, a Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde ademais de omitir a moción presentada, debatida e aprobada no Pleno do pasado 14 de setembro por todos os grupos municipais, incluído o Partido Popular, na que se demandaba á Xunta de Galiza a inclusión dunha partida específica no seu orzamento de 2016 para determinar os novos usos sanitarios para este mercado.
Unha reivindicación esta que, hoxe se cadra ten máis sentido ca nunca tendo en conta que as praceiras e os praceiros de Santa Lucía veñen de denunciar que a empresa concesionaria non executou apenas obras e que hai días que non aparece polo mercado. O Goberno municipal comprometeuse publicamente a asumir a xestión do mercado en xaneiro, cando se remate a concesión, tendo en conta que a empresa supostamente faría algunhas obras e a Xunta construiría o Centro de Saúde mais de momento ningunha das dúas cousas se cumpren polo que reclamamos contundencia por parte do Goberno local, sinala a concelleira nacionalista Avia Veira.
Por outra banda, as nacionalistas tamén demandarán nas emendas presentadas no Parlamento de Galiza o aumento de partidas para a Ría do Burgo, que segue sen ter un investimentos axeitados para convertela no motor económico que pode chegar a ser para a comarca e a cidade. O Bloque lembra que tamén se aprobou no pleno do 14 de setembro unha moción por unanimidade nesta liña mais semella que o Grupo Municipal Popular esqueceuse de darlle traslado ás súas compañeiras e compañeiros en San Caetano.
Asemade, o Grupo Municipal do BNG aproveitou a xuntanza da Comisión para engadir a necesidade de que o centro escolar que se constrúa en Novo Mesoiro sexa un Centro Público Integrado, para que as nenas e os nenos do barrio poidan cursar a totalidade do ensino obrigatorio no barrio. Así pois trátase de dotar dun investimento suficiente para o proxecto do centro reclamado pola veciñanza de Novo Mesoiro. Na proposta que trasladaba o Goberno municipal esquecíase esta reivindicación do barrio, tendo en conta ademais, e como sae publicado esta mañá en varios medios, que o propio Concello pon en vindeiras datas a disposición da Xunta os terreos necesarios para a construción do centro. Lembran as nacionalistas que a partida de pouco máis de 627.000 euros é insuficiente para garantir a execución do proxecto ademais de non aparecer recollidas partidas que lle dean continuidade ao mesmo nos anos seguintes.