ALMORZO DE JORQUERA COA ASOCIACIÓN DE EMPRESARIAS DA CORUÑA
Co BNG ao fronte do Goberno Local, o Concello si xogará o rol de dinamizador da economía local
“Pois o primeiro que ten que facer o Concello é cumprir os seus deberes. Ten que ser quen de aprobar os orzamentos en tempo e forma e ten que ser quen de executar o capítulo de investimentos. Comprometémonos a facer esas dúas cousas se temos a confianza das coruñesas e dos coruñeses para liderarmos o goberno da cidade a partir do 28M”, díxolles Jorquera ás empresarias e executivas coas que partillou o almorzo.
“Este mandato, o Goberno Local non estivo á altura das circunstancias. Só aprobou dous orzamentos en 4 anos e só executou 1 de cada 3 euros no capítulo de investimentos”, criticou Jorquera, quen estivo acompañado pola número dous da candidatura do BNG, Avia Veira.
Para Jorquera, “o Concello ten que xogar un papel indutor dun proxecto de futuro para A Coruña, unha Coruña entendida como unha cidade metropolitana”, remarcou.
Como queira que as competencias municipais en materia económica son limitadas, Jorquera considera que o Concello ten que compartir o deseño dese proxecto de futuro “coas outras administracións públicas, coa Universidade da Coruña e cos axentes sociais”.
E o foro para a concertación entre todas esas institucións é o Consello Económico e Social. “O Pleno aprobou a instancias do BNG a constitución dese órgano, pero o Goberno Local non deu ningún paso para que ese mandato da Corporación se materializase”, lamentou Jorquera.
O candidato nacionalista comprometeuse coa directiva de Aeco a que esta entidade faga parte dese futuro Consello Económico e Social. “Entidades como a vosa teñen moito que achegar”, díxolles Jorquera ás empresarias.