O BLOQUE ARRANCA A CAMPAÑA DIANTE DA CASA CORNIDE
Jorquera pide unha oportunidade para o BNG porque A Coruña precisa o impulso que outras forzas non lle souberon dar
“O BNG presenta candidato á Alcaldía porque imos a por todas nas eleccións municipais”, dixo Jorquera nunha breve intervención que estivo precedida por unhas palabras de presentación de Mercedes Queixas. “Non temos vocación, facendo un símil co ciclismo, de ser un ciclista gregario. A nosa vocación é liderar politicamente A Coruña”, engadiu o número 1 da lista do BNG.
E como a vocación é a de liderar o executivo coruñés, o BNG non presenta un programa ao uso, senón un programa de goberno, remarcou Jorquera. “Un programa que sintetiza un proxecto de cidade. Unha Coruña con vocación metropolitana. Unha Coruña que ten que ser motor económico de Galiza. Unha Coruña que sexa modelo de calidade urbana, garantindo o dereito de acceso á vivenda. Unha Coruña verde, inclusiva e coesionada, que aposte por un novo modelo de mobilidade. Unha Coruña creativa que mobilice as enormes potencialidades da Coruña converténdoa nun referente cultural en toda Galiza”, precisou.
Non foi casual que o BNG elixise a Casa Cornide para arrancar a campaña. Lembrou Jorquera que xa no primeiro Pleno do mandato a Corporación aprobou unha moción do Bloque por medio da cal se instaba o Goberno Local a que iniciase as accións legais para lograr a restitución do palacete usurpado por Franco durante a ditadura. “Seguimos agardando pola presentación da demanda”, lamentou Jorquera, quen tamén afeou ao Goberno Local que non completase o nomeamento de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye como fillos adoptivos da cidade pese a que o Pleno o aprobase a instancias do BNG en xullo de 2022.
“É o resumo do mandato. Moitos acordos foron adoptados por unanimidade ou por ampla maioría. Mais boa parte deles non se cumpriron”, criticou Jorquera. “Por isto e por moitas razóns máis é necesario un cambio de rumbo. E o BNG é quen pode facer posíbel ese cambio de rumbo”, concluíu o candidato do Bloque á Alcaldía.