Carril: "O PP non pode presumir da xestión económico e financeira do Concello"
A Coruña, 1 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG salienta que o Goberno do Sr. Negreira tan só ten executado, a data de 27 de setembro de 2013, o 31,37% do investimento real. Segundo os datos achegados pola Tesourería sobre o estado de execución do orzamento municipal para a tramitación do modificativo de crédito M2/2013, resulta que aínda está sen investir o 68,23% da partida correspondente a investimentos reais.
44.520.990,08 euros eran os créditos totais do capítulo 6 de investimento, destinado a novos equipamentos e infraestruturas ou adquisición de bens inventariábeis no orzamento aprobado para o ano 2013. A 27 de setembro de 2013, había recoñecidas expresamente obrigas por valor de 14.142.362,55 euros. Deste modo, quedan aínda 30.378.627,53 euros por gastar en investimentos (estado de execución).
Con estes datos, o Goberno do Sr. Negreira non pode presumir de ser un goberno eficiente e eficaz no transcendental: o Goberno municipal non fai que o Concello da Coruña sexa motor de desenvolvemento económico e social da cidade e da comarca para crear riqueza, benestar social e emprego. Iso si, o Goberno do Sr. Negreira pode presumir de goberno trouleiro e fandangueiro, dado que a súa eficacia e eficiencia son incuestionábeis en todo o que teña a ver co gasto en festas, que non crea nin riqueza nin emprego de calidade.