Carril: "O Goberno municipal non ten interese en recuperar os bens do Concello"

Carril: "O Goberno municipal non ten interese en recuperar os bens do Concello"

A Coruña, 11 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, debullou esta mañá en rolda de prensa a moción que levará ao Pleno ordinario de xaneiro, que terá lugar este luns, sobre o caso Someso, unha vez estudado o informe municipal co que concluíu o proceso de investigación. O nacionalista sinalou que o citado informe "confirma as irregularidades denunciadas polo BNG en distintas iniciativas". Porén, Carril afirmou que "o Goberno municipal non ten interese en recuperar os bens e dereitos dos que se apropiaron os promotores en Someso nin de actuar contra Paco Vázquez, o máximo responsábel político da desfeita".

Así, salientou que "o informe evidencia que o responsábel político era o Sr. Paco Vázquez e non só político, senón que tal e como consta nunha Providencia da Alcaldía de 1990 el asume directamente a xestión de todo o relacionado coa adquisición das parcelas", sinalou. "Tamén evidencia que os promotores se estaban a apropiar de bens que eran do Concello e que eles achegaron como propios e que estes promotores incumprían as condicións de venda do patrimonio municipal, unha venda que, ademais, foi ilegal, porque se fixo sen o correspondente concurso público", engadiu.

Carril puxo de manifesto que no Pleno de 16 de xaneiro de 2012, en que se aprobou constituír este proceso de investigación, o PP rexeitaba unha emenda presentada polo BNG para mellorar a finalidade e o alcance da investigación. Así, os nacionalistas reclamaban facer declarar a todos os responsábeis políticos, que había que ter en conta as verdadeiras causas determinantes do pago das indemnizacións multimillonarias e que había que analizar a actuar por parte dos promotores. Lembrou Carril que, con posterioridade a esta Pleno, o BNG seguiu a presentar iniciativas para evidenciar a actuación por parte dos promotores e o PP chegou a recoñecer que había incumprimento pero que non tiña sentido proceder contra os promotores.

Nesta liña, o portavoz do BNG resumiu que o informe evidencia que houbo irregularidades no proceso de adquisición, que houbo irregularidades no desenvolvemento do proxecto de compensación e unha atribución ilegal e parcelas e evidencia que houbo unha venda ilegal do patrimonio municipal e un incumprimento posterior das condicións de venda.

O Goberno municipal négase a actuar e mira cara outro lado malia evidenciarse as irregularidades e ilegalidades

"Malia evidenciar o informe municipal as irregularidades e ilegalidades, o Goberno municipal mira cara outro lado, remite toda a documentación ao Ministerio Fiscal de maneira moi mediática, pensando que de aquí só se puideran derivar responsabilidades penais, pero négase actuar na parte que a el lle corresponde", dixo Carril. Ademais de denunciar que o Goberno do Sr. Negreira renuncia a actuar contra os promotores, Carril criticou que teime en silenciar o máximo responsábel político de todas estas operacións, o Sr. Paco Vázquez.

"Alén de remitirlle ao Ministerio Fiscal toda a documentación, o Goberno municipal ten que proceder de inmediato contra as promotoras e contra o Sr. Paco Vázquez, porque isto non é incompatíbel coa actuación que podía desenvolver a Fiscalía", expuxo. De aí que o Grupo Municipal do BNG leve ao Pleno ordinario de xaneiro, que terá lugar este luns.

O BNG esixe

que o Goberno municipal actúe contra Paco Vázquez

Na moción, os nacionalistas reclaman que o Goberno municipal incoe de inmediato o correspondente expediente de reclamación de responsabilidades a Paco Vázquez polos danos e prexuízos causados pola súa actuación de supervisión directa e por terse encargado «directamente da resolución de todas as cuestións relacionadas coa execución de obras, avinzas con afectados, pago de xustiprezos e demais xestións que sexan precisas para levar a cabo a completa terminación dos traballos» (segundo indica a Provincia de Alcaldía de 3 de agosto de 1990).

O BNG esixe que o Goberno municipal revise de oficio os actos e acordos relacionados con Someso e de execución do Plan Parcial S-7

Tamén piden incoar expediente de revisión de oficio dos actos administrativos irregulares (caso daquelas certificacións municipais que non se axustan á legalidade) que se poñen de manifesto no Informe municipal e incoar expediente de revisión de oficio do acordo de venta de patrimonio municipal á Xunta de Compensación do Sector 7, feito sen o correspondente concurso público.

Na mesma liña, instan o Goberno municipal a incoar expediente de revisión de oficio do acordo de aprobación definitiva do proxecto de compensación do Sector 7 de 30 de setembro de 2005, tendo en conta que está demostrado que houbo sociedades que se apropiaron privativamente de bens patrimoniais do Concello da Coruña, atribuíndoselles en consecuencia un aproveitamento ao que non tiñan dereito, e procedéndose á enaxenación directa de bens e dereitos do Patrimonio Municipal do Solo, en clara violación do art. 177 da Lei 9/2002, LOUG, vixente naquel momento.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno municipal a exercer as accións necesarias para defender os dereitos que como propietario lle corresponden ao Concello da Coruña, actuando contra os promotores que aportaron como propios bens que eran do Concello da Coruña no proxecto de compensación do Sector 7 de 30 de setembro de 2005. Esta acción, sinalan os nacionalistas, debe extenderse á exixencia de compensación económica á familia Catoira/Yordi pola lesión patrimonial derivada da entrega de 14.000 m2 de aproveitamento.

O BNG esíxelle ao Goberno municipal que actúe contra os promotores que achegaron como propios bens do Concello e que incumpriron as condicións de venda do patrimonio municipal

A moción tamén esixe que o Goberno municipal proceda a incoar o correspondente expediente de depuración de responsabilidades que houber polo incumprimento por parte dos promotores dos deberes urbanísticos de edificaren nos prazos previstos no planeamento e no acordo municipal de enaxenación do aproveitamento municipal de 29 de outubro de 2004.

O BNG esíxelle ao Goberno municipal que poña os feitos en coñecemento do Tribunal de Contas

E, por último, o Grupo Municipal do BNG pedirá que se poña os feitos en coñecemento da Sección de Axuizamento do Tribunal de Cuentas, dándolle traslado da documentación administrativa obrante nos expedientes e os informes municipais emitidos, dada a constatación da existencia de responsabilidade contábel con evidente lesión patrimonial para a Facenda municipal.

Con independencia das accións penais, administrativas ou civís que procedan contra os responsábeis e beneficiarios da lesión económica e patrimonial da facenda municipal, o Goberno do Sr. Negreira debe poñer os feitos en coñecemento do Tribunal de Contas para que pola súa Sección de Axuizamento se depure, no seu caso, as responsabilidades que houber, co resarcimento do dano económico causado.

O BNG lémbralle ao Goberno municipal, que non interpuxo recurso ningún pola vía penal, que pode facer todo isto mentres o Ministerio Fiscal decide

En relación coas declaracións do Goberno municipal (o teniente de alcalde de Territorio e Infraestruturas), sobre a posición do BNG e do seu portavoz municipal (xurista, e non "xurídico", como dixo o Goberno municipal) a quen lle di que "debería saber que cuando se interpone un recurso vía penal tiene prioridad sobre otras vías" e que "debemos esperar a la decisión de la Fiscalía y ser prudentes", os nacionalistas lémbranlle o seguinte.

  1. Que Goberno municipal non interpuxo ningún recurso vía penal, só puxo os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal, que é unha cuestión diferente.
  2. O Goberno municipal pode e debe actuar contra os promotores e contra Paco Vázquez
  3. Que é totalmente compatíbel o seu deber de revisar de oficio todos os actos administrativos irregulares e actuar contra os promotores e contra Paco Vázquez, mesmo acudindo ao Tribunal de Contas, pois, como indica a súa lei reguladora é compatíbel a vía penal e administrativa co axuizamento da responsabilidade contábel por este Tribunal.

 

Carril: "O Goberno municipal non ten interese en recuperar os bens do Concello"