O PP valora de xeito "muy positivo" a relación coas entidades veciñais, malia as continuas rifas

O PP valora de xeito "muy positivo" a relación coas entidades veciñais, malia as continuas rifas

A Coruña, 14 de xaneiro de 2012.- De "muy positivo desde el primer momento", así valoraba a concelleira Carmen Hervada a relación do Goberno municipal coas entidades veciñais, en resposta a unha pregunta oral formulada polo BNG. Esta contestación deulle pé á edila nacionalista María Xosé Bravo para denunciar en Pleno "o descontento da cidadanía con xeitos ditatoriais de gobernar do PP, co modelo clientelar e arbitrario das concelleiras de barrio e coa falta de diálogo do Goberno do Sr. Negreira".

"Nunha sociedade que presume de democrática non se pode permitir a utilización do medo nin subterfuxios legais para limitar a iniciativa social e a liberdade de expresión", sinalou Bravo, quen acusou o PP de aplicar a máxima "para ti ni agua que no eres de los nuestros". "Con este xeito de proceder, o Goberno municipal persegue un resultado claro de intimidación".

Así, a concelleira do BNG lembrou que a actitude do Goberno municipal levou a A VV dos Rosales a presentar unha queixa perante o Valedor do Pobo, unha queixa que xa foi admitida a trámite; levou a que A VV do Castrillón tiver que pecharse no centro cívico; levou a retirar unha simple pancarta e a non recibir os e as veciñas de Durmideiras "porque xa está todo dito"; levou a ameazar a A VV de Monte Alto con sacarlle a axuda para manter aberta a biblioteca pública ou a que a Asociación Palavea Bravú siga a esperar algunha resposta despois de ducias de escritos.

Tamén levou a que ninguén dialogue coa veciñanza e comerciantes da Gaiteira, que se senten ameazados por unha obra que non queren; a que a A VV do Birloque teña que seguir denunciando os riscos que supoñen as obras para a vida da veciñaza; a que se lles envíe a policía aos veciños e veciñas do Ofimático para amedrentalos e se lles obrigue a retirar as pancartas ou a que se lle envíe á A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros a policía e os bombeiros para retirar unha pancarta co lema "A rúa para a veciñanza, non á mediana da Gaiteira".

Bravo esixiulle ao Goberno municipal un cambio de actitude e respecto cara á cidadanía. "Teñen vostedes a obriga de fomentar a participación pública e o xeito de vertebrar a participación é a través dos movementos sociais, como os colectivos veciñais e socioculturais", salientou.

 

"Detrás das fotos e dos titulares non hai centros de día, nin residencia universitaria, nin centro de alzhéimer, nin escolas infantís nin metro lixeiro"

Os orzamentos da Xunta destinados á cidade protagonizaron outra das preguntas orais formuladas en Pleno polo BNG. Foi a concelleira María Xosé Bravo quen evidenciou a listaxe de incumprimentos do PP e do Sr. Negreira. "Que é dos equipamentos sociais: centros de día, centro de alzhéimer, escolas infantís ou residencia universitaria? Nada de nada", sinalou. "Por iso dicimos que estes son uns orzamentos que renuncian a saír da crise con xustiza social e a corrixir o empobrecemento e as desigualdades sociais", apuntou.

Bravo cualificou as contas como "os orzamentos das desaparicións", en alusión á supresión da partida para a conexión de Alvedro coa AP9 ou do metro lixeiro. "Seremos catedráticos en metro lixeiro, pero nunca poderemos subir a un, porque levamos gastados máis de 1 millón de euros en estudos para a súa promesa estrela e seguiremos sen ver o metro lixeiro", apuntou.

"E mentres isto sucede, teiman en gastar 14 millóns de euros no Parrote para pagarlle parte do aparcadoiro a súa empresa amiga, Copasa, e isto, incumprindo o convenio asinado", salientou. "Estas son as prioridades do PP: enriquecer os amigos e empobrecer o pobo", engadiu. Ademais, Bravo lembrou que a Autoridade Portuaria "segue sen poñer un céntimo nas obras do Parrote malia ser da súa titularidade".

A continuación, cualificou de escasas as achegas para a Fábrica de Tabacos, para a que só se consigna 1 millón de euros, e para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, con 150.000 euros, "parece que queiran ampliar este centro en dez anos", sinalou. Tamén aludiu a concelleira nacionalista á ría do Burgo, á que os orzamentos do Estado non lle dedicaron nin un só euro e para a que os cartos da Xunta "non dan nin para comezar".

"Estes orzamentos só serven para que vostede, Sr. Negreira, se pasee de ganchete dalgún conselleiro e da delegada da Xunta só para sacar fotos", afirmou. "Porén, detrás das fotos e dos titulares non hai centros de día, nin residencia universitaria, nin escolas infantís nin metro lixeiro", concluíu.

O Goberno municipal di que a atención que se presta nos COF pode prestala calquera xinecólogo

Pola outra banda, a concelleira Avia Veira preguntou pola orientación familiar ás mulleres. E é que un dos centros de orientación familiar que hai na cidade corre un serio risco de feche. A edila do BNG explicou que até o 31 de decembro de 2012 na área sanitaria da Coruña había dous COF, un dependente do SERGAS no Centro de Especialidades do Ventorrillo, que atendía 61.674 mulleres, e outro dependente do Concello e do SERGAS na rúa Tui, que atendía 90.834. "Ao xubilarse o único xinecólogo do COF do Ventorrillo. "Ao non substituír o recentemente xubilado xinecólogo do COF do Ventorrillo, que era o único do que dispuña o centro, o Sergas quere aproveitar para unificar ambos os COF", denunciou. "A unificación supón que un só centro teña que atender 152.508 mulleres", advertiu.

Veira sinalou que estes profesionais atenden cuestións tan inmediatas e dependentes do inevitábel paso do tempo como a anticoncepción de urxencia, os trámites para o aborto -só en Orillamar atenderon 667 casos durante 2011-, a atención e o asesoramento da demanda de anticoncepción, a instauración e a revisión do método, os exames de saúde xinecolóxica, a prevención do cancro de mama e de cérvix... De aí que acusara o PP de "poñer en risco a saúde das mulleres por non poder atender con inmediatez estas necesidades, como nos manifestou o propio persoal do COF de Orillamar".

A concelleira do BNG, que visitou o COF de Orillamar o venres pasado, informou de que as usuarias deste centro xa están a sufrir as consecuencias do peche desde principios de mes. "Por culpa de que o Sergas non queira cubrir a praza do xinecólogo do COF do Ventorrillo, as usuarias teñen que atravesar a cidade para que a xinecóloga ou o xinecólogo de Orillamar lles asine un papel para tramitaren a derivación para a interrupción voluntaria do embarazo", salientou.

"Comezaron cos centros Quérote e agora van polos COF: están moi equivocados se pensan que imos ficar caladas e coa cabeza baixa ante os recortes en servizos de asesoramento afectivo-sexual que afectan á independencia das mulleres para decidir sobre o noso propio corpo e afondan nas desigualdades de xénero que poden levar a situacións de violencia machista", advertiulle ao Goberno municipal, a quen lle esixiu un compromiso para emprazar a Xunta de Galiza a non fechar o COF do Ventorrillo e a cubrir a praza de xinecoloxía para así garantir os dereitos das mulleres.

 

 

O PP valora de xeito "muy positivo" a relación coas entidades veciñais, malia as continuas rifas