Unha campaña nas rúas da cidade contra os mamotretos nas Percebeiras e a prol dun parque para a veciñanza
Por medio de soportes publicitarios como valados ou mupis, o BNG expresa a súa oposición ao Plano Especial de Labañou que recibiu un impulso por parte do Goberno Local e que acaba de obter o plácet da Xunta da Galiza, un proxecto urbanístico que coloca unha pantalla arquitectónica no soar das Percebeiras, a tapar a visión da Torre de Hércules sen ter en conta as previsións contidas no PXOM. Neste plan, por tanto, PSOE e PP están a converxer no que claramente representa un retorno a políticas urbanísticas do pasado.
"Non aos mamotretos das Percebeiras. Si a un parque público para a veciñanza, a protexer o bordo marítimo", rezan os soportes da campaña que inclúen tamén a lenda "blindemos o litoral de Labañou igual que o das Xubias".
Para o BNG, o proxecto das Percebeiras non ten ningún tipo de xustificación racional e en absoluto responde a unha demanda de novas vivendas na cidade. A este respecto, cumpre lembrar que o PXOM de 2013, o actualmente vixente, prevía un incremento de populación na Coruña até se situar o censo en 310 mil persoas en 2025. Eses prognósticos están moi lonxe de se cumpriren e neste momento A Coruña nen sequer chegar a 250 mil habitantes (está en 247 mil habitantes). En contraste, o parque de vivendas baleiras está situado na contorna das 20 mil moradas. A formación nacionalista considera que un urbanismo progresista pasa por mobilizar eses pisos desocupados e non por encher de tixolo a beiramar da cidade.