Interesámonos pola situación dos petróglifos de Nostián ante o "veto de silencio" interposto polo PP
A nosa parlamentar solicitou por escrito á Xunta que lle fosen entregados os informes achegados por Repsol en relación aos petróglifos do Monte dos Cazolos, após Patrimonio ter autorizado o traslado (para a súa posterior recolocación) destes vestixios da arte rupestre galega, afectados polo poliduto que a petroleira vai construír para unir a refinería co porto exterior.
A Xunta deu a calada por resposta e perante este "veto de silencio" Queixas levou a cuestión, en forma de pregunta oral, á Comisión de Educación e Cultura.
Podes ver a íntegra da sesión parlamentar (nela Queixas tamén defende a proposición non de lei para a Xunta resolver a falta de ventilación nas aulas do Conservatorio Superior de Música da Coruña) neste enlace.
Na súa intervención, Queixas advertiu que o proxecto de Repsol, xa co aval da Xunta, representa "unha intervención de grande impacto no medio natural e na conservación deste importante enclave patrimonial, cuxos informes acreditativos descoñecemos".
A parlamentar fixo constar o seu escepticismo a respecto das obras de traslado e recolocación, sendo que "se ignora que financiación vai haber" e, por tanto, como se vai sufragar á reposición dos petróglifos.