Cales son as intencións de Adif a respecto da estación intermodal?
A Coruña, 28 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG advirte, tras as informacións aparecidas hoxe en diversos de comunicación e que recollen a xuntanza mantida onte entre representantes do Goberno municipal, representantes da Xunta de Galiza e representantes do Ministerio de Fomento, que doutra volta o estado a través do Adif, actúa como unha inmobiliaria, querendo sacar partido da construción dunha infraestrutura necesaria a conta do patrimonio das coruñesas e dos coruñeses.
Avia Veira: Doutra volta estamos observando como o Estado, neste caso a través do Adif, actúa como unha inmobiliaria, querendo sacar partido da construción dunha infraestrutura necesaria a conta do patrimonio das coruñesas e dos coruñeses
Independentemente do convenio asinado, que debería revisarse e adaptarse ás circunstancias da situación actual, o Adif está a amosar como pouco lle preocupa a construción da estación intermodal, velando máis polo interese economicista, a conta dos petos das e dos coruñesas. Primar o estudo de contraprestacións, como a cesión dos terreos actuais da estación de buses ou a posíbel xestión da explotación do aparcamento da nova estación intermodal por riba de apostar decididamente pola construción desta é indicativo das súas intencións, e dá entender que a cidade é para o Estado español, como nos ten acostumados, unha torta a dividir en múltiples anacos dos que se queren aproveitar, sinalan as nacionalistas.
Ao BNG chámalle a atención as présas coas que a Fomento e a Xunta abordan este tema, en período preelectoral, cando levan anos sen mover un dedo
As nacionalistas lembran que Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) é unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento de España, polo que debería primar na súa actuación o interese xeral. Asemade, tamén pregúntase o Bloque a que veñen agora as présas coas que a Fomento e a Xunta abordan este tema, en período preelectoral, cando levan anos sen mover un dedo.
Desde o Bloque lembran que a construción da estación intermodal debe ser complementada simultaneamente cunha infraestrutura en San Diego, que aproveite as súas vías para o transporte ferroviario de proximidade
É e que o Bloque lembra que desde hai anos realizou a proposta de que a construción e utilización dunha estación intermodal de San Cristovo para as grandes distancias debe ser complementada simultaneamente cunha infraestrutura en San Diego, que aproveite as súas vías para o transporte ferroviario de proximidade: a comunicación entre ambas infraestruturas completaría o escenario de mobilidade para a cidade e a súa contorna metropolitana.
As nacionalistas sinalan que para alén da infraestrutura é necesario traballar na existencia dun transporte verdadeiramente metropolitano que aposte pola optimodalidade e polo tren de proximidade
Máis aló de falar tan só da infraestrutura cremos necesario debater sobre o seu contido e traballar na existencia dun transporte verdadeiramente metropolitano que aposte pola optimodalidade e polo tren de proximidade, conclúe Avia Veira.