ABSTENCIÓN DO BNG NO PLENO EXTRAORDINARIO
A caída de ingresos derivada do novo imposto de plusvalías fai aínda menos críbeis os Orzamentos 2022
A mudanza no imposto, froito dunha sentenza do Tribunal Constitucional que obrigou o Goberno do Estado a introducir modificacións na Lei Reguladora das Facendas Locais, vai traer consigo unha caída na recadación do Concello estimada polo propio Goberno Local en 2.170.000 euros.
E o peor é que, tal e como puxo en destaque na súa intervención no Pleno o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera, esa caída de ingresos –na contorna do 25% a respecto do exercicio anterior- non vai ser compensada polo Estado.
Unha redución de ingresos tan significativa fai aínda menos críbeis algunhas das previsións contidas no proxecto de orzamentos do Concello para 2022.
A mudanza no Imposto de Plusvalías vai traer consigo unha caída na recadación do Concello estimada polo propio Goberno Local en 2.170.000 euros
“Discrepamos de que as mudanzas do marco normativo no relativo ao Imposto de Plusvalía non vaian acompañadas dunha compensación aos Concellos”, remarcou Jorquera, quen salientou que esta ordenanza, como todas as fiscais, fai parte do pacto orzamentario. “Un proceso de negociación do que fomos excluídos, nun claro incumprimento por parte do grupo socialista do Acordo de Investidura de Inés Rey que asinamos en xuño de 2019 e en virtude do cal a negociación das ordenanzas fiscais e dos orzamentos tiña que comezar no mes de setembro para as contas entraren en vigor en tempo e forma, no mes de xaneiro”, estendeuse o portavoz nacionalista.
Por tanto, o novo imposto de plusvalías reduce a xeración de ingresos por parte do Concello e deita novas dúbidas sobre a capacidade do Goberno Local para executar as previsións de gasto e investimento dos orzamentos. Razóns máis que suficientes para xustificar a abstención do BNG neste debate.
De resto, Jorquera puxo en dúbida que o Goberno Local fixese xestións perante Madrid para esixirlle ao Estado unha compensación aos concellos pola mingua de ingresos decorrente das mudanzas na lexislación sobre o imposto de plusvalías.
O novo imposto de plusvalías reduce a xeración de ingresos por parte do Concello e deita novas dúbidas sobre a capacidade do Goberno Local para executar as previsións de gasto e investimento dos orzamentos
En realidade, o Goberno do Estado nin compensa os concellos neste asunto nin acomete a necesaria reforma do sistema de financiamento local nin tan sequera aborda a derrogación da Lei Montoro.
“Este ano pode haber uns orzamentos expansivos grazas a que están suspendidas temporalmente as regras fiscais. E grazas aos fondos Next Generation e outros fondos europeos. Mais estaríamos ante pan para hoxe e fame para mañá se non se abordaren os problemas estruturais do financiamento dos Concellos, o acceso a fondos europeos e a suspensión temporal da regra de gasto”, concluíu Jorquera.