PREGUNTAS ORAIS

O bus na cidade, a Consulta Popular polos terreos portuarios e levar os servizos sociais aos barrios a debate no Pleno de febreiro

Antigo trazado pola rúa San Xoán do carril-bus.
Antigo trazado pola rúa San Xoán do carril-bus.

Trasladamos ao Pleno o debate aberto na cidade sobre o transporte público colectivo

Pediremos aclaracións ao Executivo sobre a situación na que está o proceso de licitación do transporte público tras as numerosas queixas de entidades, colectivos e veciñanza nas ultimas semanas

Tamén pediremos ao Goberno da Marea que poña data para a Consulta Popular sobre os terreos portuarios e para a descentralización dos servizos sociais nos barrios da cidade

Vaise cumprir un ano desde que o BNG e a Marea Atlántica, a petición da Cadeco, presentaramos conxuntamente a moción na que se instaba, no prazo máis breve posíbel, a realizar a Consulta Popular sobre os terreos portuarios, e que foi aprobada en Pleno: non sabemos porque se ten adiado esta consulta, ao tempo que non entendemos porque se convocan foros de debate que non teñen nada que ver coa posibilidade de que a veciñanza opine sobre este tema. E a respecto dos servizos sociais, tampouco é a primeira vez que levamos a debate en Pleno o asunto: no mandato do Partido Popular realizouse un desmantelamento dos servizos sociais nos barrios que no que vai de mandato da Marea Atlántica non se reverteu, polo que entendemos que ten que ser acometida esta actuación de vez

O bus na cidade, a Consulta Popular polos terreos portuarios e levar os servizos sociais aos barrios a debate no Pleno de febreiro

Vimos de presentar as que serán as nosas preguntas para resposta oral no vindeiro Pleno ordinario de febreiro.

Deste xeito, trasladamos ao Goberno local, como primeira das preguntas, sobre das actuacións e procedementos que se van a seguir para a xestión do transporte público urbano na cidade.

Queremos falar no Pleno sobre o debate aberto nas últimas semanas por distintas entidades e a veciñanza sobre transporte colectivo, xa que logo son xa diversos colectivos os que publicamente teñen demandado unha mellora das liñas do bus, tanto para novos percorridos, cambio de liñas, aumentos de frecuencias etc.

É evidente que o servizo que se está a ofertar é deficiente e amosa moitas carencias. Nós entendemos desde o BNG que unha xestión directa desde a concellaría de mobilidade podería dar resposta inmediata a todas estas demandas e facer os cambios e as incorporación de rutas e liñas de xeito moito máis acaído ás necesidades da veciñanza e non para o beneficio dunha empresa que só busca o rendemento económico. É por iso que queremos que o concelleiro de Mobilidade nos aclare que se pensa facer a respecto da concesión, que lembramos rescindiuse en virtude da aplicación do Regulamento (CE) 1370/2007, para posteriormente ser concedida en prórroga provisional  de xeito improvisado á propia Compañía de Tranvías, mentres nos se licitaba definitivamente. Queremos que se aclare que se está facendo, xa que logo é xa incuestionábel a demora e adiamento na toma da decisión da licitación”, sinala a portavoz nacionalista no Concello Avia Veira.

A Consulta Popular

A segunda pregunta que damos traslado para a súa resposta no Pleno é relativa á Consulta Popular aprobada en moción en sesión ordinaria do Pleno en marzo de 2017.

Manifestación da Cadeco en maio de 2017

Así, lembramos que, a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común (Cadeco), nós xunto coa Marea Atlántica presentaron unha moción na que no seu punto segundo se recollía a celebración dunha Consulta Popular a respecto dos terreos portuarios xa que logo a aquela altura xa se tiña aberto, desde o 27 de febreiro de 2017 por orde da Alcaldía, o expediente do procedemento para a súa celebración, instando á súa celebración no prazo máis breve posíbel, mais xa pasado case un ano non sabemos nada desa convocatoria, polo que entendemos que se está adiando deliberadamente este referendo.

Os servizos sociais nos barrios

Por último volvemos trasladar a debate do Pleno a descentralización dos servizos sociais aos barrios da cidade.

Neste sentido xa temos presentado varias iniciativas nos dous anos e medio que vai de mandato, e recordamos que, tanto o Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios, que no seu artigo 4, salienta o dereito das persoas usuarias a “teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención”, así como a Lei 13/2003 de Servizos Sociais de Galiza, que se refire ao longo da normativa á profesional de referencia mais nomeadamente dedica o seu artigo 24 a esta, non se están a aplicar, froito do desmantelamento dos servizos sociais comunitarios básicos nos centros cívicos da cidade realizado no mandato do Partido Popular.

Exterior do Centro Cívico de Novo Mesoiro

Vaise cumprir un ano desde que o BNG e a Marea Atlántica, a petición da Cadeco, presentaramos conxuntamente a moción na que se instaba, no prazo máis breve posíbel, a realizar a Consulta Popular sobre os terreos portuarios, e que foi aprobada en Pleno: non sabemos porque se ten adiado esta consulta, ao tempo que non entendemos porque se convocan foros de debate que non teñen nada que ver coa posibilidade de que a veciñanza opine sobre este tema. E a respecto dos servizos sociais, tampouco é a primeira vez que levamos a debate en Pleno o asunto: no mandato do Partido Popular se realizou un desmantelamento dos servizos sociais nos barrios que no que vai de mandato da Marea Atlántica non se reverteu, polo que exiximos de vez que sexa acometida esta actuación.

A Coruña, 26 de xaneiro de 2018.

O bus na cidade, a Consulta Popular polos terreos portuarios e levar os servizos sociais aos barrios a debate no Pleno de febreiro