O BNG xa alertara no seu día de que o concurso do Máster Plan restrinxía a participación de persoas expertas da cidade
Entre as razóns aducidas para sustentar esa abstención figuraba o feito de que as bases do concurso introducían criterios que, de forma inxustificada, restrinxían a participación de persoas expertas da nosa cidade.
Agora o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, ao estimar os recursos formulados por un grupo de profesionais da cidade, vén dar a razón ao BNG e obriga a que se volva licitar o contrato.
“Sempre dixemos que na transformación da fronte marítima era ben contarmos co coñecemento e a experiencia dos profesionais da cidade, tendo en conta, por exemplo, as achegas que fixeron nas súas comparecencias na Comisión Especial da Fachada Marítima”, di Francisco Jorquera, quen precisamente preside ese órgano instituído no Concello para supervisar todo o proceso de transformación do porto interior.
Naquela reunión de xaneiro, o BNG puxo o acento en que o deseño da nova fronte marítima vai ser un proceso longo e que, en todo caso, o decisivo é que se garanta a titularidade pública dos espazos portuarios, se dea unha solución á débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria e se asegure a participación social durante o desenvolvemento das distintas fases.