Queixas volve levar o mal estado do CEIP Prácticas ao Parlamento galego

Mercedes Queixas no CEIP de Prácticas. 1 de abril de 2025.
Mercedes Queixas, fotografada no acceso ao CEIP Prácticas
A deputada do BNG Mercedes Queixas volve levar o mal estado do Colexio de Educación de Infantil e Primaria de Prácticas ao Parlamento galego.
Queixas volve levar o mal estado do CEIP Prácticas ao Parlamento galego

Faino despois de que durante meses a ANPA deste centro educativo, emprazado no edificio da Normal, teña denunciado os graves problemas de deterioración que presentan as súas instalacións, por culpa da falta de mantemento por parte das administracións ás que lles cabe facer ese traballo: a galega e a municipal.

“Infelizmente o tempo deulle a razón á comunidade educativa e no centro xa se teñen vivido situacións preocupantes derivadas da falta de revisión da instalación eléctrica ou do estado das ventás, o que mesmo ten provocado a súa caída ao chan nunha ocasión”, denuncia Queixas.

É tal a degradación das instalacións que até se chegou a producir o desprendemento de cascotes dunha parte da fachada principal da Normal, “unha zona de paso das crianzas na entrada e saída do colexio e tamén área de xogos, que felizmente non provocou danos persoais”.

Afortunadamente a Universidade da Coruña, responsábel desa parte do edificio, resolveu o problema coa debida dilixencia.

A falta de mantemento tradúcese tamén no mal estado de portas, mobiliario e dependencias comúns, ben como tamén no crecemento desmesurado das polas das árbores ante a ausencia das necesarias podas.

Perante esta situación, Queixas rexistrou unha proposición non de lei por medio da cal insta a Xunta a que planifique un proxecto de reforma integral do CEIP de Prácticas cun cronograma de actuacións e co compromiso de comezar a execución das máis urxentes con cargo aos orzamentos de 2026. O BNG chama tamén a que se faga “contando coa participación e consulta da comunidade educativa”.

De resto, a deputada nacionalista rexistrou tamén un feixe de preguntas, orais e por escrito, sobre esta mesma cuestión.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Queixas volve levar o mal estado do CEIP Prácticas ao Parlamento galego