INTERPELADO POR AVIA VEIRA NO #PLENOSETEMBRO
Gonzalo Castro non explicou por que asinou a licenza do Wake up and Dream o mesmo día en que comezou o festival
A preguntas de Avia Veira no Pleno do Concello -a concelleira nacionalista puxo ao descuberto as múltiples irregularidades que caracterizaron a tramitación da licenza- Gonzalo Castro limitouse a dicir que os informes preceptivos e vinculantes -entre eles o de Parques e Xardíns- non eran desfavorábeis e que “se aplicamos os criterios de forma estrita non se faría nada nesta cidade”.
Veira aduciu, sen que fose desmentida, que a solicitude de licenza se presentou con apenas 14 días de antelación e que non se cumpriron os criterios establecidos no decreto da alcaldesa 1/2020.
A concelleira fixo un feixe de preguntas directas que ficaron sen resposta: “Por que non se realizou autoliquidación de taxas? Por que figura no expediente un informe asinado polo anterior xefe da Policía Local referido ao Wake Up and Dream de 2024 e non actualizado para 2025?”.
Alén diso, Veira denunciou que a licenza fora concedida con “varios informes técnicos que desaconsellaban a realización do evento no Parque de Bens pola súa proximidade ao Espazo Natural de Interese Local das Illas de San Pedro ou por non ser coherente co Plan de Acción contra o Ruído”.
Veira aduciu, sen que fose desmentida, que a solicitude de licenza se presentou con apenas 14 días de antelación e que non se cumpriron os criterios establecidos no decreto da alcaldesa 1/2020.
Nese sentido, Castro admitiu implicitamente que os informes preceptivos, mais non vinculantes, non eran favorábeis á realización do festival nese emprazamento.
Denunciou tamén a concelleira nacionalista que no expediente figura un documento dunha consultora privada -achegado pola empresa que organizou o festival- que contradicía o informe do técnico de Medio Ambiente funcionario do Concello.
Na mesma dirección, Veira puxo o acento en que a consultora privada achegou un informe -que a licenza asinada por Castro deu por boa- en que se rebatía que fose necesario un ditame positivo do funcionario do Servizo de Medio Ambiente.
Tampouco achou resposta a cuestión de por que o funcionario encargado de informar sobre o Plan de Autoprotección recibira a documentación o mesmo día de realización do festival “sen apenas ter tido tempo para a revisar”.
Veira puxo o acento en que a consultora privada achegou un informe -que a licenza asinada por Castro deu por boa- en que se rebatía que fose necesario un ditame positivo do funcionario do Servizo de Medio Ambiente
Por último, Castro tampouco contestou que pensaba facer cos informes da Policía Local segundo os cales se recolleran medicións que superaban até en 21 decibelios o máximo permitido en horario nocturno nos espazos naturais polo Plan de Acción en Materia de Ruído.
Servizo Municipal de Protección Civil
A situación precaria do Servizo Municipal de Protección Civil -das súas tres prazas neste momento só está cuberta a correspondente á súa xefatura após o falecemento da persoa que exercía funcións como oficial- foi abordada polo noso concelleiro David Soto.
A concelleira responsábel do Goberno Local indicou que xa está prevista a cobertura desas prazas, quer a da persoa tristemente falecida quer a da que se acha próxima á xubilación.
Desde logo o BNG fiscalizará que iso sexa así e á maior brevidade posíbel.
Canto á accesibilidade universal -cuestión suscitada por Avia Veira- a responsábel, Noemi Díaz, anunciou que o Plan Municipal de Accesibilidade Universal se licitará este ano e terá un prazo de execución de por volta de 12 meses.