O BNG xa advertira de que dar licenzas sen garantir a execución do Ofimático agravaría o problema
A Coruña, 10 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG xa advertira de que o outorgamento de licenzas sen estar garantida a execución do conxunto da urbanización do Ofimático por parte do Concello da Coruña ía agravar o problema. As nacionalistas lembran que a execución das obras lle corresponde ao Concello da Coruña, dado que o sistema de actuación é de cooperación (neste sistema os propietarios achegan o solo de cesión obrigatoria e a administración executa as obras de urbanización con cargo a eles) e isto implica que o Concello é quen está obrigado a executar a totalidade da obra urbanizadora, nos prazos e condicións que fixa o planeamento e o contrato. Deste xeito, non lle corresponde aos promotores tal deber (só o de pagar as cotas de urbanización), mais si o de pagar as cotas de urbanización. E isto é o esencial, porque sen o pago das cotas non hai financiamento e sen financiamento non se pode executar a urbanización do Ofimático.
As causas do atraso da execución das obras son, unicamente, de natureza económica. Así, o Goberno do Sr. Negreira dilata no tempo tanto as contías a pagar pola Xunta de Galiza como as dos grandes promotores. Neste contexto, as nacionalistas critican que a Xunta de Galiza non poña un céntimo para as cotas de urbanización e que se lave as mans cunha das grandes promocións que o Goberno galego, sen éxito, trata de desenvolver. En definitiva, o Grupo Municipal do BNG salienta que unha urbanización como a do Ofimático non pode facerse ao ritmo que marquen os promotores, que é o que está a permitir o Goberno municipal.