Carril pregúntase que esconde Negreira en Nostián e volve pedir acceso ás auditorías
A Coruña, 10 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, volveu presentar esta mañá a solicitude de acceso á auditoría económica da concesión do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e e o acceso á auditoría técnica e medioambiental da planta de tratamento de Nostián despois de que o concelleiro de Medio Ambiente declarara que non as fará públicas e que serán de "uso interno".
Precisamente, Carril xa solicitara o acceso a ambas as auditorías o 31 de outubro de 2012 e o Goberno municipal resolvía, a 8 de novembro de 2012, queo acceso se realizaría "no momento en que conclúa o exame e validación da mesma por parte da concellaría e simultaneamente coas propostas ou actuacións que sexan necesarias das mesmas ou no momento anterior do procedemento en que sexa preciso". Indícase na resposta que "sen dúbida (o acceso) será coñecida nun momento procedimental posterior". E disto pasaron xa máis de dous meses, sinala o nacionalista.
A resolución achegada o 8 de novembro de 2012 aos nacionalistas, na que, claramente, se indica que terán acceso ás auditorías, non casa coas declaracións do concelleiro de Medio Ambiente, que dixo que ficarán para uso interno e que non se farán públicas.
O BNG insiste na importancia de coñecer os incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados
Neste contexto, Carril pregúntase que quere ocultar o Goberno municipal destas auditorías e esíxelle ao Sr. Negreira que deixe de negociar ás agachadas coa empresa. Reclama tamén que se publiquen os resultados das auditorías de inmediato, máxime despois da labazada do Consello Consultivo ao Goberno do Sr. Negreira, que evidenciou a tramitación chapuceira do Goberno municipal.
O portavoz nacionalista insiste na importancia de ter coñecemento destas auditorías para coñecer os incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados. Deste xeito, determinaríase de que parte é responsábel a empresa e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato de concesión.