O BNG urxe o Goberno local a potenciar os sectores produtivos para favorecer a creación de emprego
A Coruña, 2 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG urxe o Goberno do Sr. Negreira a potenciar os sectores produtivos da cidade, nomeadamente os polígonos industriais, o pequeno e mediano comercio, a hostalaría, as actividades marítimo-pesqueiras, a ría do Burgo, a universidade e o emprego verde, para promover a creación de emprego e lograr, deste xeito, que a diminución do paro sexa unha realidade e non se deba a unha cuestión estacional. Os datos de desemprego en xuño rexistraron unha baixada de 652, un descenso debido ao emprego estacional que fan de xuño un dos meses máis positivos do ano, como vén sendo habitual. No entanto, e en comparanza co mesmo mes de hai un ano, hai 198 persoas máis en situación de desemprego na nosa cidade que en xuño de 2012.
O traballo feminino informal e vulnerábel con salarios máis baixos fai as mulleres máis débiles que os homes en tempo de crise
As nacionalistas advirten de que hai máis mulleres que homes no desemprego. Así, das 23.318 persoas desempregadas, 11.149 son homes e 12.169 son mulleres, cifras que volven demostrar que a muller sofre con maior gravidade as consecuencias da crise, tratando de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel. Aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións, súmaselle o traballo invisíbel non remunerado e sen recoñecemento social ningún, ese traballo derivado da desigual asignación de roles entre o home e a muller no capitalismo que a crise acentúa. As nacionalistas afirman que o traballo feminino informal e vulnerábel con salarios máis baixos fai as mulleres máis débiles que os homes en tempo de crise. De aí que empracen o Goberno municipal a desenvolver políticas de fomento de emprego encamiñadas a favorecer o emprego de calidade entre as mulleres.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos do paro rexistrados na nosa cidade volven obviar a realidade da emigración, especialmente da mocidade, o que amortece a suba do desemprego. As nacionalistas alertan de que máis de 65.000 persoas tiveron que emigrar forzosamente desde o comezo da crise, concretamente entre 2007 e 2011 segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Malia isto, a taxa de paro non deixou de medrar nese mesmo período.