O BNG trasladoulle ao Goberno municipal as súas propostas para os orzamentos
A Coruña, 23 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG da Coruña trasladoulle ao Goberno municipal está maña nunha xuntanza as súas propostas parta os orzamentos municipais.
En primeiro lugar, o BNG trasladoulle aos representantes do Goberno da Marea a consideración de que estes orzamentos sexan os últimos que se realizan deste xeito: tanto por quen os está a elaborar como polo tempo perdido durante case tres meses. Así, indican as nacionalistas que as políticas públicas deben nacer de consultas e orzamentos participativos.
O Bloque considera lamentábel o tempo perdido durante case tres meses debido ao que entende que non se deben adiantar acontecementos e agarda que estes orzamentos sexan os últimos que se negocian deste xeito
Para o Bloque, ten que ser a propia veciñanza a que decida onde se invisten os seus cartos polo que as entidades sociais, que traballan de cotío nos barrios, deben de cobrar protagonismo e ser axentes activos na elaboración dos orzamentos municipais. O BNG expuxo a necesidade de que se poñan en común cos axentes sociais e coa veciñanza as necesidades que en cada un dos barrios para que a cidadanía participe de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais e na transparencia no destino do gasto público sinalan as nacionalistas.
No sentido de reforzar os servizos públicos, as nacionalistas tamén puxeron enriba da mesa a necesidade de que se aposte pola remunicipalización de servizos cuxo contrato remata precisamente este ano 2016.
Por último as nacionalistas consideran que se debe repensar a relación coas empresas privadas, tanto para as concesións municipais como para a externalización de servizos e contratos. Así, o BNG, e segundo a proposta de orzamentos, indica que o gasto que se xera con estudos ou traballos que se teñen que encargar fora do concello supera os 2.300.000 de euros, as asistencias técnicas os 489.000 euros, os «traballos por outras empresas» chegan case aos 4.300.000 euros. Entendemos que se debe rebaixar este tipo de partidas para priorizar outras conclúen as nacionalistas.
Avia Veira: Debemos repensar a relación coas empresas privadas. Tanto para as concesións municipais como para a externalización de servizos e contratos. O gasto que se xera con estudos ou traballos que se teñen que encargar fóra do Concello supera os 2.300.000,00 de euros, as asistencias técnicas os 489.000,00 euros, os «traballos por outras empresas» chegan case aos 4.300.000,00 euros. Entendemos que se debe rebaixar este tipo de partidas para priorizar outras
No que ten a ver coa política social, as nacionalistas propuxeron que se aumentase a partida para a Renda Social Municipal empregando parte do aumento da previsión de ingresos que o Goberno anunciou hai semanas. Doutra banda, o Bloque sinalou a necesidade de incluír dentro das partidas orzamentarias de Servizos Sociais, unha específica para a posta en marcha dun Plan de Inclusión Social por valor de 245.000 euros tamén empregando ese aumento de ingresos.
Canto á área de emprego, no que ten a ver con mercados, o Bloque propón o aumento na partida destinada a reformas en mercados até os 300.000 euros, unha partida de 75.000 euros para facer dos mercados municipais unha sementeira de emprego a través do concurso de postos mercados municipais Canto ao comercio e promoción do emprego, as nacionalistas propoñen sendas novas aplicacións, unha de 200.000 euros para a posta en marcha dun banco de baixos comerciais e outra de 70.000 euros para unha liña de axudas a proxectos emprendedores que teñan como fórmula o cooperativismo.
No que se refire ás áreas de Cultura e Educación, o Grupo Municipal do BNG tamén propón aumentar até cifras semellantes ás de 2011 e elévana até os 119.459,50 euros e tamén pretende cunha nova aplicación recuperar o apoio á Feira do Libro con 20.000 euros.
O Bloque tamén propón aumentar a partida de obras específicas nos CEIP con actuacións concretas no Edificio dos Mestres no CEIP Sanjurjo de Carricarte, co acondicionamento do espazo para comedor CEIP Labaca ou nas cubertas do CEIP María Barbeito, aumentando a aplicación até 460.238,13 euros.
Por último, nesta batería de aplicacións pormenorizadas, tamén as nacionalistas queren incorporar novas aplicacións en Medio Ambiente destinadas a acadar unha maior calidade ambiental co deseño e posta en marcha dun plan de substitución das especies invasoras e reforestación ou para o estudo e posta en marcha dun banco de terras que poida funcionar como hortas urbanas, que dotan, respectivamente con 120.000 euros e 100.000 euros.
As nacionalistas propoñen aumentos nos investimentos, entre outros, en mercados, comercio, emprendemento, cultura ou medio ambiente, a realización de obras en varios CEIP e concretar actuacións nos barrios
Tamén o BNG achegou na súa proposta unha actuación pormenorizada para os barrios dentro da partida de 1,2 millóns de euros para a modernización de vías públicas e prazas mais tamén achegou propostas de actuacións nos barrios que deben atenderse dentro da partida destinada a tal fin e por valor de máis de 800.000 euros. As propostas das nacionalistas canto aos barrios é froito das reunións mantidas con entidades sociais mais tamén con todo o proceso de elaboración do programa electoral co que se contou con estas entidades mais tamén con achegas concretas da cidadanía.
En todo caso manifestámoslle ao Goberno a necesidade de contrastar as necesidades en todos os barrios para que a xente decida onde é prioritario empregar os cartos. Ademais de trasladarlles que entendiamos que no último trimestre do ano pasado cando tiveron lugar os encontros da Porta Aberta tiña que terse feito xa esa consulta nos barrios, sinala a concelleira nacionalista.
Artigos relacionados
- O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos
- Avia Veira: Estamos dispostos a falar de propostas para facer os orzamentos canto antes"
- O BNG introducirá os orzamentos na Comisión de Portavoces convocada para mañá
- Veira: Tomamos a iniciativa e convocamos esta reunión para traballar con seriedade, con propostas"
- O BNG convoca á Marea e ao PSOE para dar saída aos Orzamentos 2016
- O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016
- Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira
- Por que nos achegaron onte os que "parecen ser" os Orzamentos 2016?
- Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"