O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos

O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos

A Coruña, 16 de febreiro de 2016.- Logo da primeira xuntanza que o Grupo Municipal do BNG mantivo co Goberno local para tratar os orzamentos, as nacionalistas manifestan que a reunión transcorreu con normalidade e que pretenderon aclarar dúbidas que lles xurdiron a raíz de traballaren e analizaren os orzamentos municipais.

O BNG comprométese a achegar as súas propostas o xoves e demándalle unha vindeira xuntanza ao Goberno local máis claridade

rolda_avia_reunion_orzamentos“Preguntámoslle ao Goberno como se teñen pensado reforzar os servizos públicos, os motivos polos que descende en máis de 300.000 euros a partida para os cursos de formación para persoas desempregadas, en que barrios e de que maneira se teñen pensado empregar os máis de 1,2 millóns de euros destinados a obras de reparación en vías públicas e prazas, tamén preguntamos se se teñen pensado executar desde os servizos sociais públicos os novos programas recollidos nos orzamentos ou cal é o motivo polo que aumentan en máis de 900.000 euros o global das partidas que supoñen externalizacións de traballos” sinala a concelleira Avia Veira.

Así mesmo, o Bloque sinala que algunhas das cuestións foron resoltas mais noutras houbo falta de explicacións por parte dos representantes do Goberno local que acudiron á xuntanza.

Veira: "O BNG non é o culpábel de que levemos máis dous meses de tempo perdido coas negociacións bilaterais entre a Marea Atlántica e o PSOE polo que non se nos pode exixir a urxencia e a présa que outros non tiveron, mais faremos achegas e demandámoslle ao Goberno local unha xuntanza posterior na que responda con claridade se está disposto a admitilas"

As nacionalistas que, en todo momento durante o proceso de negociación bilateral criticaron a falta de concreción nas propostas e nas discrepancias e sinalaron que a súa pretensión e maneira de traballar se basearía en propostas concretas, indicáronlle ao Goberno que achegarían as súas propostas o xoves e manifestan que as farán públicas para facer máis transparente este proceso. A formación nacionalista demandoulle tamén ao Goberno local unha xuntanza posterior na que este responda con claridade se está disposto a admitilas.

No que ten a ver cos tempos, o BNG aclarou na xuntanza que ten claro que non é o culpábel de que se teñan perdido máis de dous meses coas negociacións bilaterais entre a Marea Atlántica e o PSOE e que non se lle pode exixir a urxencia e a présa que outros non tiveron.

 

Artigos relacionados

O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos